O CPEIG recorre un proceso selectivo para técnicos superiores en Informática da Deputación de Coruña

venres, 10 de xuño do 2016 Redacción

Fernando Suárez, presidente do CPEIG, na pasada edición da Noite da Enxeñaría en Informática

Co gallo de traballar na defensa da profesión que representa, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), vén de interpoñer un recurso contra unha convocatoria da Deputación da Coruña para elaborar listaxe de “aspirantes a nomeamentos e/ou contratacións de persoal laboral temporal para postos de Técnico/a superior de Informática”. A razón principal do recurso, sinala o CPEIG, é que nas bases fíxase como requisito “unha serie de titulacións que non garanten o bo desempeño do posto”.
De feito, lembra o Colexio, abránguese licenciaturas de Psicoloxía, Socioloxía, Dereito, Publicidade e Relacións Públicas, Xornalismo ou Económicas, “amais da posibilidade de que tamén poidan presentarse licenciados/as ou enxeñeiros/as en Informática”, explica a entidade profesional que preside Fernando Suárez, que quere face fincapé na “necesidade” de fixar a dita convocatoria nas/os tituladas/os en Enxeñaría en Informática, non só por ser esta licenciatura a máis acaída para os ditos postos, senón a única realmente acaída, subliña o CPEIG.
O recurso, presentado o pasado 26 de maio, sinala o seguinte: “Parecería absolutamente disparatado pensar que para deseñar unha ponte se ofertase un posto no que se admitise un licenciado en Dereito ou un xornalista. Pois exactamente iso é o que está facendo nesta convocatoria, tendo en conta que na actualidade os sistemas informáticos se ocupan de cuestións estratéxicas e de importancia vital na vida das persoas, polo que non poden ser deixados en mans de xente que non estea suficiente e correctamente preparada”.
No escrito asinado polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, alégase que “sen discutir a capacidade para outras cuestións das titulacións requiridas como requisito establecido na resolución recorrida, as funcións só poden estar cubertas de xeito idóneo por aquelas persoas que estean en posesión do Título de Enxeñeiro/a en Informática”. E engade o presidente: “Esa titulación é a única que abrangue todas as capacidades e coñecementos necesarios para o desenvolvemento das funcións requiridas polo temario”.

PUBLICIDADE