O CPETIG e a FIC organizan un curso para formadores en Scratch

luns, 18 de abril do 2016 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) e a FIC van organizar os días vindeiros un obradoiro avanzado para formadores en técnicas e recursos para “construírmos” a Sociedade da Información. Máis polo miúdo, trátase dun curso para formadores na ferramenta Scratch, un recurso informático moi acaído para a introdución das novas xeracións nos conceptos básicos de como construír e desenvolver programas. A devandita actividade formativa ten a súa orixe, segundo apunta ao CPETIG, na arela do colexio por “difundir os valores da programación informática entre os nenos, os seus pais e os seus formadores”. Desta arela xurdiron nos dous últimos anos, da man do CPETIG, obradoiros e actos diversos relacionados con Scratch, por exemplo o Scratch Day celebrado en outubro de 2015.
Agora, a idea é organizar aínda máis cursos e eventos e, para isto, “é preciso contar cun meirande número de formadores especializados en Scratch”, sinala a entidade profesional que preside Marcos Mata. Este é, polo tanto, o obxectivo do devandito curso, impulsado polo CPETIG en colaboración coa Facultade de Informática da Universidade da Coruña (FIC). A actividade vai dirixida a colexiadas/os do CPETIG e CPEIG, ao profesorado e alumnado da FIC e ao profesorado non universitario “co fin de dotalos dos coñecementos e ferramentas necesarias para que poidan actuar como formadores en eventos relacionados con Scratch”.
O curso (froito do convenio asinado entre o Colexio e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA) terá lugar o vindeiro venres día 22 na FIC en horario de 15.00 a 19.00 horas. A inscrición é de balde. Toda a información e inscrición na web do CPETIG. Esta sesión formativa contará coa participación da asociación Programamos. O obxectivo fundamental desta asociación é promover o desenvolvemento do pensamento computacional dende idades temperás a través da programación de videoxogos e aplicacións para móbiles en todas as etapas escolares, dende educación infantil ata formación profesional.

PUBLICIDADE