O CiTIUS acolleu unha xornada para afianzar o noso traballo conxunto arredor do turismo e as novas tecnoloxías

mércores, 26 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

O CiTIUS, espazo de investigación TIC da Universidade de Santiago, acolleu esta semana un encontro que nos colle de preto en Código Cero, e máis se temos en conta que a columna vertebral do noso número 107 en papel (PDF) foi o potencial das novas tecnoloxías no fortalecemento dos sectores hostaleiro e gastronómico galegos. A xornada do CiTIUS foi alén disto, en boa medida porque se propuxo como unha xeira de traballo con vieiros firmes de colaboración futura. De feito, o Workshop turismo e novas tecnoloxías tivo como obxectivo dar a coñecer os proxectos das universidades e das empresas galegas e crear sinerxías e consorcios entre elas. Tratouse, por certo, do primeiro evento desta índole que a Universidade dedica de xeito específico á devandita temática.
No obradoiro participaron unha quincena de representantes das ditas entidades educativas e empresariais que están a desenvolver proxectos destinados á modernización e adaptación do sector turístico ás novas tecnoloxías. A xornada, nun plano concreto, achegou un programa en dous bloques, segundo informa a Universidade de Santiago. O primeiro orientouse ás múltiples oportunidades que as TIC lle ofrecen ao turismo (instalación de software específico nas oficinas de información ou nos aloxamentos, xeolocalización, recursos turísticos dispoñibles nos smartphones), e o segundo analizou o papel que a investigación e o desenvolvemento xogan neste eido (iniciativas europeas sobre a materia e o binomio turismo-animación). Este bloque tamén deu acubillo á exposición de dous casos concretos de innovación nesta materia: a análise das páxinas webs dos museos de Santiago de Compostela desde o punto de vista turístico e o proxecto Grupal TUR, de servizos de recomendación para grupos baseados en contexto e orientados á desestacionalización do turismo galego.
Segundo engade a USC, os relatores participantes no primeiro coloquio coincidiron en sinalar as grandes oportunidades que as TIC lle ofrecen á nosa terra e ao noso sector, e nesta liña moveuse precisamente Pedro Tasende, de Aporta Comunicación, que apostou porque “as novas tecnoloxías da información e comunicación formen parte do propio produto turístico galego, ofrecéndolle ao visitante todos os recursos necesarios para que goce dunha boa experiencia, desde rutas 2.0 ata información á carta grazas aos códigos QR”. Pola súa banda, Manuel Oreiro, de Viaxes Viloria, fixo fincapé “na necesidade de que as empresas TIC e turísticas se apoien e traballen xuntas pois na actualidade o sector está moi atomizado, integrado fundamentalmente por PEME con dificultades de financiamento e innovación”. Ao fío disto, Manuel Pan, de Abertal, recordou “a gran capacidade deste sector, sinalado como un motores que vai tirar da nosa economía nos próximos anos, polo que debe apostar pola oferta tecnolóxica”.
Xa na segunda mesa redonda, Rafael Simón, de Gaínza Partners salientou “o reto de ver que necesidades de software ten a empresa privada así como a busca de partners que impulsen a internacionalización do sector”. Eugenia Juncal, de Valora Consultores, avogou tamén polo traballo conxunto: fixo fincapé na necesidade “dunha maior cooperación entre operadores turísticos e tecnolóxicos que permitan chegar aos destinos intelixentes, obxectivo ao que se dirixe o turismo mundial”.

PUBLICIDADE