O Día de Rosalía acolleu a presentación das súas cartas dixitalizadas e un concurso de autofotos nas redes

martes, 25 de febreiro do 2014 Fernando Sarasketa

Presentación do epistolario dixital da autora de Follas Novas

Rosalía de Castro, oficialmente, non ten Día de Rosalía. Malia todo, malia non ter sido recoñecida esta xornada de festexo pola Consellería de Cultura, a súa figura estivo (e vai estar) na raizame de múltiples celebracións e actividades culturais, algunhas delas moi relacionadas coas canles de comunicación do noso tempo: as canles tecnolóxicas. Cómpre lembrar que este luns coincidiu co 177 aniversario da inmortal poeta galega e de xeito tanxencial cos 150 cumpridos por Cantares Gallegos, cousa que plataformas, entidades e asociacións non quixeron deixar que pasase sen facer ruído. Para comezar, o Consello da Cultura Galega presentou no Día de Rosalía o Epistolario dixital de Rosalía de Castro, unha escolma de dezaseis cartas enviadas pola escritora e que constitúen a primeira edición conxunta destes textos.
No acto ante os medios participaron o presidente do CCG, Ramón Villares, a vicepresidenta do Consello, Rosario Álvarez, e a poeta e co-editora das ditas cartas María do Cebreiro. Segundo fixo saber Rosario Álvarez, a publicación dixital do epistolario hai que inserilo “nun exercicio de recuperar a memoria e facela presente, así como de crear novo coñecemento”. Tamén lembrou que se trata dun dos proxectos “de máis longo alento” dos que afronta arestora o CCG, tras seren fixados no ano rosaliano de 2013. A colección de misivas pode consultarse xa en liña, en epistolarios.consellodacultura.org. Lembrar tamén que este compendio de cartas constitúe a segunda incorporación dunha colección de correspondencia ao Proxecto Epístolas do Consello da Cultura Galega. Estamos a falar de cartas que Rosalía remite a Manuel Murguía, Eduardo Pondal ou a Ángel Baltar, e que foron editadas polo Centre de la Dona de la Universitat de Barcelona, baixo a dirección de Helena González, María Xesús Lama e María do Cebreiro Rábade Villar.
Pero as actividades arredor da autora de Follas Novas non remataron aí, nin moito menos. Tal e como se pode apreciar na web-axenda da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a listaxe foi longa e renovouse cada día previo, e con toda seguridade terá continuidade os días vindeiros. Puidemos ver de todo: graffitis en centros educativos, recitais e mesmo unha aperta colectiva á poeta. Detrás de boa parte destas actividades colectivas estivo a Fundación Rosalía de Castro, que quixo celebrar o 24 de febreiro (data de nacemento da poeta) da forma máis colectiva e innovadora posíbel. Por exemplo, convidando a mozas e mozos a facerse autofotos para logo seren publicadas e compartidas nas redes sociais. Para a Fundación, o importante non era só celebrar o 150 aniversario da publicación dos Cantares, senón conectar coas novas xeracións e lanzar a obra de Rosalía cara ao futuro. A actividade, máis polo miúdo, convidou aos participantes a rexistrarse nunha selfie con calquera obxecto ou en calquera lugar relacionados coa obra e vida da poeta (un libro, unha estatua, unha placa, unha camisola) e logo amosalo ao mundo. A Fundación foi publicando ao longo do día de hoxe estas fotografías no Twitter de seu. A etiqueta empregada foi #euRosalía. As autofotos resultaron ser todo un éxito, e a súa procedencia foi do máis variado: mesmo viñeron da man de persoeiros recoñecidos da cultura galega, inmortalizados ao carón dos lugares tocados pola poeta.

PUBLICIDADE