O ITMATI convoca este venres a especialistas do eido internacional para falar de Big Data na enerxía

xoves, 17 de setembro do 2015 Redacción

O Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, ITMATI, vai organizar este venres unha xuntanza de intercambio de coñecemento sobre información masiva no ámbito enerxético. A Xornada Big Data en Enerxía celebrarse na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago. Nela, un bo número de empresas e equipos de investigación xuntarán forzas para rastrexar e localizar as amplas oportunidades que achegan as tecnoloxías avanzadas de almacenamento de información no eido da produción e distribución enerxética. A xornada, nun plano máis concreto, contará coa presenza de representantes de Repsol, Hewlett-Packard Enterprise (HP), EDF-Recherche et Développement, Fridama, Reganosa, Comanagement Technology, Equs e Nerxus.
Uns e outros amosarán os últimos avances tecnolóxicos da estatística, a investigación operativa e a computación, “recursos que poderían liquidar moitos dos retos aos que se enfronta o sector enerxético do século XXI”, sinala o ITMATI, un instituto impulsado polas tres universidades galegas.
Segundo explica acerca das orixes e dos porqués desta xornada Peregrina Quintela, directora do ITMATI, o concepto de Big Data céntrase no manexo de cinco uves: Volume, Velocidade, Variedade, Veracidade e Valor. “Polo tanto”, engade, “practicamente en todos os sectores hai unha oportunidade para a innovación”. Na súa opinión, do que se trata é de “manexar un gran volume de información, separar os datos relevantes do ruído, procesalos e obter un resultado; un valor que permita tomar decisións en moi pouco tempo”.
A xornada artéllase ao redor de oito relatorios e unha mesa redonda. A eficiencia enerxética en grandes volumes (hospitais, universidades, administración), as previsións de importación de Gas licuado de Reganosa, as Cidades Intelixentes, as redes avanzadas ou a optimización matemática no deseño de plantas solares son algúns dos temas que se presentarán e avaliarán en detalle.
Contarase con relatores de prestixio internacional como François Dauphin, asesor da industria enerxética en Hewlett-Packard Enterprise (HP), que presentará a liña de traballo de HP en redes eléctricas intelixentes ou Smart Grid, onde o uso da tecnoloxía informática é quen de optimizar a produción e a distribución de electricidade para equilibrar a oferta e a demanda entre produtores e consumidores. Neste eido centrarase tamén Xavier Brossat, enxeñeiro e investigador senior na principal empresa de xeración e distribución eléctrica de Francia: EDF-Recherche et Développement.
A xornada terá lugar na aula Magna da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago e está organizada pola Rede Tecnolóxica de Matemática Industrial (Rede TMATI): Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo, ITMATI (Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial), Fundación Pública Galega Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA); coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, o Fondo Europeo, e a Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago e baixo o patrocinio de Hewlett-Packard Enterprise.

PUBLICIDADE