O Museo de Tecnoloxía da Coruña amosa o libro electrónico dos anos cincuenta
venres, 27 de setembro do 2013

- O aparello didáctico nunha imaxe do MUNCYT
O Museo de Tecnoloxía e Ciencia da Coruña acolle
estes días o que se considera o libro electrónico dos anos
cincuenta, un prototipo patentado pola galega Ángela Ruiz e que,
segundo
nos conta o Consello da Cultura Galega nunha completa investigación
sobre o trebello en cuestión, non chegou a comercializarse nunca
por mor duns orzamentos escasos e dunhas opcións de viabilidade
económica que paseniño fóronse esvaecendo. A creadora deste
invento, coñecida como dona Angelita, obtivo a patente número 190
698 a favor dun procedemento mecánico, electrónico e empregable
mediante presión de aire para a lectura de libros, tamén chamado
enciclopedia mecánica.
A súa arela, e así ficou reflectido, era a de
incluír na aprendizaxe dos cativos elementos como a interactividade.
Asemade, quixo aliviar o sufrimento dos cativos (que tiñan que
cargar, como aínda hoxe, unha chea de libro nas súas mochilas)
abranguendo diversos materiais de divulguación nunha única achega,
a da súa enciclopedia mecánica. Así, o aparello de seu incluía
cintas de texto e ilustracións que ían circulando por varios
carretes: cada un deles unha materia.
