O cofundador de Pixar, homenaxeado na vindeira edición de Mundos Dixitais

venres, 24 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

Mundos Dixitais xa se albisca ao lonxe (do 6 ao 9 de xullo), e xa hai quen conta os días á espera de poder mergullarse de chego no máis avanzado desa mestura de cousas que son as linguaxes audiovisuais collidas da man das tecnolóxicas, e todo coa vantaxe de non saír da nosa terra (celébrase de feito na Coruña) e co beneficio engadido de que sexan os de fóra, especialistas de toda índole en innovación ao servizo da animación ou os videoxogos, os que teñan que vir acó. Entre estes especialistas, segundo informa a organización deste evento e informan medios como Galicia Hoxe, cóntase Alvy Ray Smith, cofundador de Pixar, a casa responsable de grandes éxitos como Toy Story ou Wall-E e en boa medida culpable de que as ferramentas de creación dixital teñan obtido a carta de madurez creativa.
Precisamente Smith será un dos grandes protagonistas do encontro, un dos de meirande relevancia no panorama europeo e que xa vai pola súa décima edición. Por certo que Alvy Ray Smith estará na Coruña para algo máis que falarnos da súa experiencia no que atinxe á apertura de novos camiños audiovisuais: vén a recoller o premio especial que concede o festival galego, desta volta concedido a Smith polo seu importante labor en materia de creación de novos mundos, máis que nunca mundos dixitais.
Segundo se conta, Alvy recibirá na Coruña o máximo recoñecemento do festival patrocinado pola Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, a Universidade da Coruña e Novacaixagalicia, “polo seu papel decisivo na contratación de John Lasseter, animador de Disney que dirixiu a primeira película feita con gráficos por computador, The Adventures of Andre Wally B., unha peza que se exhibe nos museos de arte contemporánea de todo o planeta”.
Por certo que para quen queira informarse polo miúdo de todas as cousas que se van ver en Mundos Dixitais, informarlle que este luns está prevista a presentación desta entrega 2011 do evento, unha sesión previa na que xa confirmaron a súa asistencia o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, o reitor da Coruña, José María Barja, ou o director e fundador do certame, Manuel Meijide.
Por certo que o festival pinta moi ben, está fóra de toda dúbida, pero dende aquí queremos facer un chamamento para que se inclúa unha versión en galego da páxina web, a fin de contas estamos a crear selo e marca audiovisual, e unha lingua propia (tal e como se está a demostrar en éxitos recentes alén das nosas fronteiras, como Crebinsky ou 18 Comidas) tamén é un reclamo de primeira.

PUBLICIDADE