O mundo virtual de Second Life xa conta cun Centro Galego

xoves, 9 de novembro do 2006 Marcus Fernández

Esta semana puidemos ler en La Voz de Galicia que un dos seus xornalistas, Nacho Mirás Fole (que tamén conta co popular blog Rabudo.com) baixo o alter ego Klauss Wind fundou en Second Life un Centro Galego, que conta con bar, carteis publicitarios, polbo e mesmo un eucalipto.
O novo Centro Galego virtual inaugurouse o pasado día 2 e á súa inauguración incluso acudiron o presidente e o vicepresidente da Xunta segundo indica a placa conmemorativa presente no lugar.
Este novo local virtual conta con carteis que rezan lemas coma “vivir na Coruña que bonito é” ou convidan a visitar outras cidades galegas coma Lugo (promocionada por un polbo), Vigo ou Santiago.
Nirás Fole afirma que o Centro Galego en Second Life xa contou con numerosas visitas, achegándose incluso a comunidade galego-arxentina na Rede. O xornalista comezou a súa aventura mercando 5.000 dólares Linden por 15 euros, e un dos seus investimentos foi unha características moto Vespa, de xeito que deu os seus froitos creando unha pequena comunidade que poder animar a moitos hispanos e galegos a dar un paseo por este mundo virtual que tanto está a dar que falar nos últimos meses.

PUBLICIDADE