O presidente de Telefónica salienta o potencial industrial e innovador galego para saír dunha crise "que xa rematou"

luns, 11 de novembro do 2013 Redacción

César Alierta, presidente de Telefónica, nun acto recente perante os medios

O tecido industrial galego é de abondo forte como para superar a focha produtiva, unha focha que por outra banda xa se comezou a superar, "e que mesmo puido rematado xa". De feito, o noso eido industrial é a día de hoxe un 15% maior cá media nacional (18% do PIB en Galicia contra o 16% do PIB en España). Estes datos e valoracións foron dados a coñecer este luns en Santiago polo presidente de Telefónica, César Alierta, con motivo da presentación da nosa terra dun documento, España emprende e exporta, que semella feito e concibido para recordarlles a tódolos axentes implicados no medre económico que a crise xa comeza a non ser tal.
O documento en cuestión, que está a ser presentado nunha xira por varias capitais do Estado, foi feito polo Consello Empresarial para a Competitividade (CEC), que Alierta tamén preside. Esta plataforma está composta por 15 compañías estatais e o Instituto de Empresa Familiar. Entre as empresas que o integran, amais da operadora de telecomunicacións, atópanse Acciona, Planeta ou a galega Inditex, entre outras.
Volvendo ás declaracións de Alierta na presentación do informe, celebrada no Hostal dos Reis Católicos, dicir que resultaron ser un paréntese de optimismo. Ao seu xuízo, “os últimos meses están a resultar aínda máis positivos do previsto, co 80% dos indicadores económicos amosando xa unha clara melloría e cunha previsión de crecemento para 2014 do 0,9%”. Esta mellora da actividade, dixo o presidente da CEC, impactará de xeito positivo no emprego o ano vindeiro.
A presentación do documento, que foi clausurada polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, contou tamén cun importante ingrediente empresarial galego, representado polas compañías Televés e FINSA, cuxos secretarios xerais, Jorge Lorenzo e José Carballo, respectivamente, deron a coñecer as súas opinións persoais sobre os temas que avalía o documento, ao tempo que facían un percorrido pola traxectoria recente de cada empresa e polas principais consecuencias que tivo en cadanseu caso a crise.
Previamente, tanto Alierta como Fernando Casado, director do CEC, avaliaran polo miúdo o potencial de crecemento galego. E, ao seu xuízo, estamos ante un potencial empresarial especialmente importante, non só en termos propiamente galegos, senón tamén estatais e europeos. De feito, Alierta lembrounos que somos líderes nunha serie de sectores e que temos unha posición privilexiada para encarar a recuperación: máis preto do Atlántico e de Latinoamérica (incluído Brasil, con que compartimos lingua) que unha boa parte dos países europeos, e cunha tradición innovadora e competitiva en sectores como a industria téxtil (11.000 millóns de euros exportados en 2012, 7.500 tendas de roupa galega estendidas por todo o mundo, 14.000 empregados en 1.200 empresas só en Galicia). Asemade, dixo, temos un sector empresarial que aposta pola I+D, que sabe tirar proveito das escolas de negocio e dos centros de investigación (como Gradiant, CITIC, CITIUS ou CTAG, entre outros, cada vez máis fortes) e que posúe unha situación xeoestratéxica clave para acceder a mercados con gran potencial. Tamén valorou a actividade recente, e punteira, dos sectores da automoción, a biotecnoloxía, a maquinaria-ferramenta, a industria aeroespacial, a agroalimentaria e, por suposto, as novas tecnoloxías da información e a comunicación, que dende Telefónica (non só porque lle toquen tematicamente preto) consideran fundamentais, dende tódalas frontes, de cara a apuntalar un futuro fortalecido e a proba de crises. Estes sectores (TIC, motor, biotecnoloxía, agroalimentario, etc), “son sectores clave que xeran en España, a día de hoxe, o 35% do PIB e empregan a dous millóns de persoas”, recalcou.

PUBLICIDADE