O sistema de gravación de vistas con sinatura dixital chegará a 71 salas xudiciais

luns, 25 de marzo do 2013 Redacción

O Goberno galego anunciou esta fin de semana que no mes de maio vai dar comezo ao fornecemento do novo sistema de gravación de vistas con sinatura dixital en 71 salas dos nosos órganos xudiciais. Segundo explica a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) estamos ante o primeiro chanzo dun proceso que se dirixe a afianzar o expediente xudicial electrónico. O plan anunciado este sábado inclúe a renovación dos equipos en 52 salas (este mesmo ano) e a actualización de software noutras 19. O orzamento é de 646.224 euros, en virtude do convenio Ius+Red asinado entre entre a Xunta e o Ministerio de Xustiza e Red.es. A iniciativa foi presentada pola directora de AMTEGA, Mar Pereira, e o director xeral de Xustiza, Juan José Martín. Entre as vantaxes concretas que van pór en xogo estas optimizacións tecnolóxicas das salas xudiciais, inclúese unha das grandes razóns de ser da Administración Electrónica: a axilización do traballo e a optimización das xestións a realizar polos traballadores públicos.
Así, segundo explicaron Pereira e Martín, “o novo sistema dixital libera o secretario xudicial de estar presente na sala de vistas durante o xuízo, agás que o soliciten as partes ou o considere preciso o propio secretario xudicial, o que lle permitirá concentrarse noutras actividades procesuais”. A este respecto e para facernos unha idea de até onde pode chegar esta optimización do traballo, Pereira e Martín lembraron que “só durante 2012 celebráronse preto de 100.000 vistas nas 172 salas galegas”.
Segundo engadiron, unha vez instalado o novo equipamento, o secretario xudicial autorizará previamente a gravación do xuízo e poderá seguir a sesión dende o seu propio despacho. “Ao finalizar a vista”, explicaron, “incorporará mediante a tarxeta de empregado público a súa sinatura electrónica ao arquivo que contén a gravación, dotándoo das garantías de autenticidade, integridade e inmodificabilidade esixidas pola Lei”. Toda vez que se autentique a gravación, acubillarase en dous rexistros: no servidor do partido xudicial correspondente e no Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta do monte Gaiás (Cidade da Cultura). Este último emprazamento, como recordaremos, albergará un repositorio centralizado con todas as gravacións da Administración da Xustiza en Galicia accesible desde calquera punto da Comunidade.
O novo sistema estará integrado coa rede de videoconferencias de sala para que se poidan incorporar á gravación aquelas declaracións que se fagan a través deste sistema. O ano pasado a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia rematou a posta en marcha desta rede ao finalizar o despregamento de 22 novos terminais de sala. Arestora, a Administración da Xustiza en Galicia conta cunha rede de videonconferencia dotada de 55 equipos de sala que dan servizo ao o 100% das salas consideradas preferentes (menores, violencia de xénero, penal, vixilancia penitenciaria).

PUBLICIDADE