Orange prepárase para a compra de Jazztel

luns, 15 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Jazztel comunicou hoxe a Comisión Nacional do Mercado de Valores que o seu principal accionista e presidente do consello de administración da empresa, Leopoldo Fernández Pujals, titular do 14,48% do capital social, chegou a un acordo coa sociedade francesa Orange no que esta última compañía se compromete a formular unha oferta pública voluntaria de adquisición polo 100% do capital social de Jazztel a un prezo de 13 euros por acción, que pagarase en efectivo e estará condicionada á obtención das aprobacións regulatorias pertinentes, a aceptación do 50,01% do capital social (sen computar as accións de Fernández Pujals) e que non resulte aprobada polos órganos de goberno da Sociedade a posible adquisición de Yoigo. Fernández Pujals, pola súa banda, comprométese a aceptar de xeito irrevocable a oferta de Orange (compromiso que manteríase de recibir ofertas competidoras que Orange decida mellorar). O conselleiro delegado e o conselleiro secretario xeral de Jazztel tamén asumiron un compromiso de aceptación da oferta de Orange nos mesmos termos.
Esta operación suporía a valoración de Jazztel en máis de 3.334 millóns de euros, superando a capitalización bolsista de 3.090 millóns de euros coa que pechou hoxe, tras subir un 12,57% ante os rumores sobre a oferta de Orange. Temos así que nos vindeiros meses o mercado das telecomunicacións español continuará a transformación iniciada hai meses nas que os distintos axentes participantes tenden a fusionarse para gañar forza nun sector altamente competitivo.

PUBLICIDADE