Os adolescentes galegos prefiren o lecer tecnolóxico a facer outras actividades

luns, 20 de decembro do 2010 Raquel Noya

Ao longo das vindeiras semanas, os nenos e adolescentes de todo o país van estar de vacacións, e nese tempo, mentres uns aproveitarán para xogar coas súas videoconsolas, outros pasarán horas e horas perante o ordenador (posiblemente chateando) e outros fozarán nos seus dispositivos electrónicos tales como os iPods, os móbiles ou os dos máis afortunados, os iPads.
O que si está claro, e de feito así o avala un estudo realizado polo Instituto Nacional de Estatística, é que poucos collerán un libro tradicional, sairán a pasear cos amigos ou visitarán a familia (de non ser que sexan obrigados), xa que a maioría deles “prefire o ocio tecnolóxico antes que realizar calquera outra actividade propia da súa idade”.
O estudo, que leva por nome Enquisa sobre equipamento e uso de Tecnoloxías da Información e Comunicación nos fogares 2010, indica que o uso de tecnoloxía “é cada vez maior en nenos e nenas de entre 10 e 15 anos”. En Galicia, por exemplo, hai 123 mil nenos e nenas desta idade dos que o 85,5 por cento empregaron Internet nos últimos tres meses, fronte ao 87,3 por cento da media nacional.
No tocante ao uso de telefonía móbil, o 67,8 por cento dos nenos e nenas galegas dispón dun terminal de seu, fronte ao 66,7 por cento da media nacional.
Neste senso, e segundo asegura o fundador de Adicciones Digitales, Juan Romero, “é un problema que haberá que solventar porque se os mozos e mozas pasan todo o día enganchados, costaralle moito reincorporarse ao ritmo habitual de traballo cando retomen o curso”.
A solución, segundo Romero, pasa por “procurar facerlles alternar todo tipo de actividades, buscando un consenso para que usen o seu tempo de forma racional”.
De non chegar a acordo, a entidade propón “bloquear os ordenadores a certas horas do día con programas específicos ou levar os trebellos portátiles con eles para que non queden á súa disposición”.

PUBLICIDADE