Este 2 de xullo celébrase no edificio CEI da Tecnópole unha xornada sobre un dos aspectos máis relevantes do concepto Internet das Cousas: o ámbito dos móbeis conectados. O encontro, que vén da man da Axencia Galega de Innovación e CIS Madeira, centrarase en boa medida en achegar aos nosos profesionais as novas oportunidades que xera a posibilidade de ampliar ao máximo a capacidade de achegar información e interactuar coas persoas ao equipamento mobiliario que temos no fogar. Amais, exporanse desenvolvementos específicos para o sector, ao tempo que se amosarán diversos casos de éxito. A xornada diríxese a emprendedores e responsables de innovación de empresas do sector.
Esta iniciativa insírese no programa Pílulas de Innovación promovido pola axencia GAIN para promover o intercambio de coñecemento en temas demandados por cada sector e buscar solucións a retos concretos. No caso concreto da xornada do día 2, perséguese a identificación de oportunidades para explorar novos escenarios e produtos, con especial atención á integración de tecnoloxía no mobiliario. Ademais, como dixemos, presentaranse novos modelos de desenvolvemento de produto, como o ecodeseño ou as técnicas de deseño centrado no usuario. Finalmente, exporanse as novas posibilidades de fabricación, tanto a nivel de materiais como de tecnoloxías dispoñibles.
Os móbeis conectados, ao detalle esta semana na Tecnópole
Compartir Este Artigo

