Os obradoiros de Ágora Tecnoloxía xuntaron máis de 1.700 alumnos
martes, 29 de marzo do 2016
En Código
Cero avanzamos os días pasados a celebración dunha serie de
actividades TIC para persoas maiores impulsadas pola Federación
Galega de Asociacións Universitarias Sénior, FEGAUS, ao abeiro
do proxecto Ágora-Tecnoloxía
e coa implicación directa das tres universidades galegas e os seus
sete campus. Pois ben, segundo nos confirma a Universidade de Vigo,
as
actividades formativas “superaron as expectativas nesta primeira
edición do proxecto con máis de 1.700 participantes nos sete
obradoiros desenvolvidos”, un por cada campus. O programa
contou co patrocinio da Fundación Vodafone e a colaboración das
sete asociacións de alumnos e ex alumnos dos Programas de Maiores
das tres universidades de Galicia, a cerna da federación FEGAUS.
O obxectivo foi
“fomentar o coñecemento que as persoas maiores teñen sobre novas
tecnoloxías coa finalidade de que estas incidan nunha mellora da súa
calidade de vida”. Este plan de formación, como dixemos,
encadrouse no proxecto piloto Ágora Tecnoloxía, que “pretende
sacar partido dos avances tecnolóxicos para que calquera maior,
habite onde habite, poida ter as mesmas oportunidades, ou moi
semellantes, de aqueles que residen nas grandes poboacións”,
sinalan os impulsores do programa, que emprestaron especial atención
a ferramentas de uso diario e de probada utilidade, como as redes
sociais ou o servizo de mensaxería instantánea WhatsApp, ou as
diferentes plataformas de comercio electrónico dispoñíbeis para a
comunidade en liña. Tamén se fixo fincapé no emprego de novos
dispositivos como as tabletas e teléfonos intelixentes, “que teñen
revolucionado a comunicación e as relacións persoais”, en
palabras dos organizadores, que lembran que as actividades arrancaron
en Vigo 23 de febreiro cun curso centrado en WhatsApp e Skype e
remataron en Santiago cun obradoiro sobre eAdministración, no que
tamén se achegou coñecemento sobre sistemas de solicitude de citas
médicas e outros trámites en liña.
Nos outros cinco
obradoiros os participantes puideron coñecer sistemas seguros de
compras por Internet, as redes sociais, a fotografía e vídeo
dixital, as claves da seguridade en Internet e mesmo ferramentas
útiles para viaxes e xestión da cultura a través de dispositivos
móbiles.
En total, participaron 1744 persoas. Segundo
confirma a UVigo, o obradoiro con mellor acollida foi o celebrado en
Lugo sobre seguridade en Internet, precaucións e consellos. Malia
ofrecérense tamén en versión en liña, até 700 persoas apostaron
pola asistencia en persoa e algo máis de 1.000 fixérono de xeito
remoto. “Para a participación virtual foi crucial a implicación
dos centros CeMIT, a través de AMTEGA, que facilitaron a conexión
dende 17 localidades de Galicia, ademais dos sete campus do SUG”,
engaden os organizadores.