Patrimoniogalego.net logra os 6 mil bens rexistrados e documentados
mércores, 24 de setembro do 2014
O
catálogo social Patrimoniogalego.net
acadou xa os 6 mil bens inventariados. Trátase non só dunha boa
nova para os responsábeis desta comunidade que centra os seus
esforzos en dar conta dos nosos bens materiais, consolidando así o
crecemento da propia rede, senón que tamén é unha boa nova para o
noso legado cultural e etnográfico en si mesmo, xa que nos máis dos
casos de construcións ou manifestacións artísticas inventariadas
reclámase directamente unha solución ao seu probábel abandono. A
maiores, a cifra acadada por este rexistro público en liña dos
nosos monumentos constata a arela dos seus impulsores de cubrir a
meirande parte da nosa xeografía. E cara a aí e cara a onde se
dirixen: cara a non deixar nada por inventariar.
Segundo
nos contan, a ficha número 6.000 corresponde aos bucranios romanos
de Tomonte, presentes nunha fonte no concello de Vilardevós, cuxo
autor foi o catalogador Xabier Moure.
Agora,
o obxectivo é que o catálogo social acurte distancias coa súa meta
de acadar os dez mil obxectos inventariados, a razón duns dous mil
bens ao ano. Lembrar que logo de ser creado en 2011, o portal foi
sumando usuarios e visitantes, superando só no que vai deste ano a
cifra récord de 160 mil visitas.
Un
dos obxectivos iniciais de patrimoniogalego.net
era chegar a abranguer todo o territorio galego, “con independencia
da brecha dixital que divide o país”. Segundo informan os
responsábeis do catálogo en liña, “este propósito está máis
preto de se cumprir, posto que os bens rexistrados están emprazados
nuns trescentos concellos, ou, o que é o mesmo: na práctica
totalidade dos municipios que conforman o país”.
Pontevedra
e de Vigo, con máis de duascentas fichas localizadas en cada unha
das cidades, son os termos municipais con maior representación no
catálogo, ao igual que acontece coas súas respectivas comarcas
malia que na orde inversa.
Entre
os xa máis de seis mil monumentos inventariados, ocupan un lugar
preferente os cruceiros e mais as igrexas, con máis dun milleiro de
fichas por cada un destes tipos de bens. Séguenlles, de lonxe, os
castros, os petróglifos, os muíños, os dolmens, os pazos, as
fontes, as pontes, os petos de ánimas ou os hórreos.
Lembrar
tamén que amais do nome, a tipoloxía, o estilo, a datación, a
propiedade ou o nivel de conservación dos obxectos catalogados, o
portal tamén informa sobre como chegar onda eles e mailo estado no
que se encontran os accesos. Outro aspecto ao que se lle dá especial
relevancia nas fichas subidas polos catalogadores é o da tradición
oral asociada aos monumentos, co obxectivo de axudar a conservar
tamén as lendas ou as cantigas relacionadas cos bens inventariados.
Os
impulsores da iniciativa tamén recordan que esta “constitúe xa un
arquivo fotográfico de primeira orde, posto que comeza a ser
empregado como o álbum de referencia á hora de consultar en liña a
imaxe dun determinado monumento en Galicia”. E engaden: “Co paso
do tempo, a web converteuse, polo tanto, nunha ferramenta útil para
moitos internautas que buscan información sobre a riqueza monumental
localizada naquelas áreas que pretendan visitar e sobre a súa
accesibilidade”.