Red.es informa da dixitalización dos rexistros civís galegos

martes, 28 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

O Rexistro Civil de Galicia xa está en liña. Así o veñen de sinalar os Ministerios de Xustiza e Industria, a través de Red.es, entidade pertencente ao segundo dos ditos departamentos. A iniciativa, que forma parte dun programa estatal que abrangue outros tantos procesos de dixitalización para cada unha das comunidades, incluíu para o caso galego o tratamento de 6.482 manuscritos e de máis de 3,8 millóns de páxinas, a partir de xa en formato dixital. Por provincias, informa Red.es, os 14 rexistros civís da Coruña achegaron 2.383 libros para dixitalizar, os 9 de Lugo 922, os 9 de Ourense 764 e os 13 de Pontevedra 2.413. En total, estamos a falar de 45 rexistros mobilizados para a iniciativa de Red.es. Segundo apunta esta entidade, esta adaptación aos novos tempos do material que albergan os ditos centros (material con datas de 1950 até o día de hoxe) é un gran paso para a mellora operativa dos rexistros, o que supón tamén un adianto no servizo de eAdministración para a cidadanía. Un exemplo disto último é a brevidade coa que a partir de agora poderemos levar a cabo a certificación da partida de nacemento que se precisa para a obtención do eDNI, proceso que poderá facerse nunha única vista ou xornada e non en dúas, como até o de agora.
O programa, insiste Red.es, tamén ten vantaxes en materia de axilidade administrativa en órganos como a Seguridade Social, a Dirección Xeral da Policía ou a Axencia Tributaria, que estarán en disposición de acceder, previo permiso do cidadán, aos datos precisos para a tramitación de pato de pensións ou cheques berce.
Por certo que o programa Rexistro Civil en Liña (na imaxe, representado por unha gráfica que indica o desenvolvemento do proceso e os emprazamentos a chegar), do que a dixitalización de libros levada a cabo na nosa terra forma parte, non é novo: púxose en marcha en maio de 2006 co obxectivo de modernizar os 8.109 rexistros españois, dos que 432 son principais e 7.677 municipais delegados en xulgados de Paz.

PUBLICIDADE