A firma SATEC, multinacional española especializada no desenvolvemento e aplicación de solucións tecnolóxicas avanzadas, foi seleccionada pola Xunta (a través de AMTEGA, tal e como figura no DOG do 13 de novembro de 2014) para integrar as solucións de NetApp, “co obxectivo de consolidar e mellorar a súa infraestrutura de almacenamento”, recorda a compañía nun comunicado. No comunicado tamén se lembra que a Administración autonómica contaba cunhas cabinas NetApp que formaban parte da súa infraestrutura global de acubillo de datos, que aloxaban “só os sistemas da Consellería de Cultura e Educación”. A idea era facer que esa infraestrutura prestase servizo de xeito transversal a toda a Xunta, ademais de ampliala de maneira axeitada.
A solución pola que se optou foi a do MetroCluster de NetApp. En palabras de SATEC, “esta nova solución proporciona á Xunta protección fronte ás principais causas de tempos de inactividade: fallos de alimentación, refrixeración e rede, así como desastres que afecten as instalacións da compañía, permitindo que as aplicacións vitais estean sempre dispoñibles”. Ademais, engade a empresa, a nova instalación achega tamén unha meirandes flexibilidade e capacidade de evolución, un rendemento máis optimizado e a posibilidade de recuperar sistemas de ficheiros ou bases de datos completas nun tempo mínimo.
Segundo engade o responsable do proxecto por parte de SATEC, Marcos Feijoo, “a plataforma conseguiu deste xeito a finalidade de ampliación que necesitaba para dar servizo a toda a Xunta de Galicia, adaptándose ao medre dos sistemas que tiña aloxados, actualizándoos e consolidando a nova infraestrutura de almacenamento”. Segundo explica a maiores Javier Pou, responsable da área de Empresas da Dirección Territorial Oeste de SATEC, “as solucións de NetApp destacan porque son quen de desenvolver tecnoloxía que responda a calquera problemática de almacenamento que poidan ter os clientes, apoiados pola súa alta fiabilidade, rendemento e razoable custo nos seus produtos”.
SATEC implanta as solucións de NetApp na Xunta
Compartir Este Artigo

