Sistemas recomendadores e buscas de información máis efectivas a través das investigacións do CITIC

martes, 30 de abril do 2013 Redacción

O investigador do centro coruñés de I+D, Víctor Carneiro

Cando un accede a Google ou a calquera outro buscador estaría encantado con que a través dunha operación simple e rápida atopase na primeira páxina de resultados toda a información que está a procurar, pero ás veces téñense que realizar novas buscas ou avanzar na listaxe de páxinas ata chegar ao resultado óptimo. Para evitar esta situación e mellorar a calidade da información obtida, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) desenvolveu técnicas intelixentes baseadas na creación semiautomática de aplicacións de integración lixeiras (mashups) que se están a aplicar en empresas como Denodo Technologies ou en sectores como a banca ou a industria téxtil.
Segundo nos lembran dende o centro coruñés, o volume de información que se xera en Internet é descomunal, estímase que en dous días prodúcese a mesma cantidade de información que dende a orixe dos tempos ata o ano 2003. Pero, de todo o que se encontra na Rede, cales son os datos que está a buscar ou necesita unha empresa? O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) leva anos desenvolvendo proxectos de investigación nesta liña, que favorezan a obtención de información máis refinada e axeitada ás buscas realizadas do xeito máis rápido posible.
En definitiva, trátase de obter un software que baseado nun algoritmo sexa quen de crear un sistema recomendador cun claro obxectivo: recadar información máis relevante.
Procuras máis refinadas
Víctor Carneiro, investigador principal do Grupo de Investigación Telemática do CITIC explica o funcionamento destas aplicacións de integración de datos en dous pasos: "En Internet hai millóns de fontes, un buscador emprega complicados algoritmos para encontrar a información requirida pero non é quen de determinar que fonte é a máis axeitada para a busca que realizamos. O noso software baseado en técnicas intelixentes permite, en primeiro lugar, a localización das mellores fontes de datos e a continuación, sobre ese primeiro nesgo, busca o contido relacionado, co que se conseguen buscas máis refinadas e eficientes. Trátase de quedar co que realmente interesa".
Estes sistemas recomendadores do CITIC obteñen mellores buscas xa que integran todo tipo de datos e fontes heteroxéneas como páxinas html, arquivos Word, bases de datos ou formularios, conseguindo homoxeneizalas dun xeito rápido, en tan só segundos. Un dos obxectivos principais é conseguir que estas operacións se realicen de maneira óptima e rápida, xa que as respostas lentas están condenadas ao fracaso.
Investigación aplicada
Entre os proxectos de investigación do CITIC levados á práctica destacan as aplicacións mashup de intelixencia colectiva que foron empregadas para colaborar nalgunhas das plataformas da compañía Denodo Technologies, referente internacional no acceso ás fontes de información desestruturadas. Para este caso en concreto, creáronse unha serie de algoritmos desenvolvidos para análise de formularios web, automatización de consultas, etc. Deste xeito, o sistema adáptase a cambios recorrentes nas fontes, a novas fontes,...
Desde o CITIC tamén se desenvolveron aplicacións orientadas á venda en liña na industria téxtil. Baseándose nunha aplicación de algoritmos deuse forma a un software que orixina un sistema recomendador que facilita información sobre produtos relacionados na procura, permitindo incrementar en máis dun 5% as vendas a través de web. En función dos pasos que o cliente realiza na súa procura, asígnase un peso á mesma, o que favorece a recomendación doutros produtos dentro dun volume de información enorme.
Para os investigadores do centro coruñés, o correcto manexo do coñecemento é a día de hoxe un dos aspectos máis importantes para as empresas: integrar datos, analizalos e atopar o que se precisa do xeito máis eficaz posible é un dos grandes eidos nos que investigación TIC está a facer máis fincapé. Non é necesario saír de Galicia para atopar modelos de como levalo a cabo, o CITIC desenvolveu diferentes técnicas que facilitan este obxectivo.

Axudas do programa de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas: Agrupación Estratéxica CITIC (CN2012/211). Cofinanciado por::

PUBLICIDADE