SociedadeNet.org presentouse arroupada por BitCoin e Google

xoves, 6 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Esta tarde Andrés Leonardo Martínez Ortiz, director do programa para desenvolvedores externos de Google España, completou a súa xira por terras galegas na cidade da Coruña, participando nun acto na Facultade de Informática da UDC no que quería presentarse publicamente SociedadeNet.org, unha plataforma de profesionais dedicados á Internet nun sentido amplo (social media, aplicacións, páxinas web...) que buscan un punto de encontro que poida facilitar a colaboración entre eles para que poidan xurdir novas oportunidades de negocio.
O encargado de dar a coñecer este novo colectivo foi o desenvolvedor Iván Louzán, quen comentou que este novo colectivo nace dunha necesidade desatendida durante moitos anos. Os fundadores de SociedadeNet.org xa levaban un tempo xuntándose de xeito informal de xeito periódico, e agora buscarán facer que as súas relacións sexan máis públicas, o que permitirá que outros profesionais independentes poidan xuntarse a eles para abrir canles de comunicación que poidan facilitar oportunidades futuras de colaboración ou, simplemente, para compartir coñecementos e experiencias.

BitCoin, aspirante a ser a moeda do futuro

Adrián Álvarez explicou os fundamentos técnicos de BitCoin

Tras a presentación deste colectivo, e antes da chegada de Andrés L. Martínez, o desenvolvedor web e administrador de sistemas Adrián Álvarez conseguiu facerse co público abordando un tema de máxima actualidade: a criptomoeda BitCoin. Álvarez contou a historia de BitCoin, os seus fundamentos técnicos e as vantaxes que supón o uso deste tipo de ben dixital usado como contrapartida do diñeiro fiduciario, o que xerou unha intensiva interacción co público, que estaba moi interesado en afondar no funcionamento desta especie de moeda virtual e amosaba unha grande preocupación polo carácter especulativo que actualmente ten o mercado de BitCoin.
Adrián Álvarez posicionouse a favor de BitCoin, considerando moi interesantes as vantaxes que podería supor unha especie moeda virtual, fóra do control dos Estados e cunha grande seguridade, agardando que no futuro chegue a poder pechar a súa cadea de valor, podendo empregarse para pagamentos ordinarios con normalidade. De feito, incluso considerou máis natural o uso dunha moeda sen soporte físico nun momento no que cada vez é máis habitual que o comercio se realice a través da Internet.

A colaboración a ollos de Google

O director do programa de desenvolvedores externos de Google España tomou o relevo a Álvarez cunha introdución á historia do software libre e da comunidades de desenvolvedores como un xeito de dar a entender o que está a facer dende Google. Aínda que o traballo de Martínez é principalmente en América latina, asegura que en España existe unha grande actividade dos distintos colectivos de desenvolvemento ao redor das plataformas de Google, como demostraron as intensas xornadas nas que participou en Vigo e Santiago de Compostela.
Pero Andrés L. Martínez non se limitou a defender a filosofía detrás do software libre, senón que tamén soubo ser moi crítico coa mesma á hora xerar negocio, pedindo realismo aos profesionais do sector tecnolóxico, non só nos modelos de explotación, senón tamén nos seus ámbitos, chegando a asegurar que actualmente carece de sentido orientar o desenvolvemento de software ao mercado español, tendo que orientase os negocios a un mercado global, xa que a Internet fai desaparecer as distancias.
En todo momento insistiu na necesidade da colaboración entre os profesionais e as empresas do sector, reclamou unha maior transferencia tecnolóxica dende a Universidade e destacou a necesidade de converter os desenvolvementos en produtos, incidindo seriamente no feito de que tal paso non debería recaer en mans de investigadores, que deberían limitarse á actividade que se lles dá ben e para a que son moi necesarios (investigar), o que pode resultar un tanto complicado na estrutura educativa actual, que debería adaptarse ás necesidades do mercado para fuxir dunha situación actual moi pouco produtiva, con moitos recursos desbotados en proxectos redundantes dos que non chegan a traducirse nun rendemento para a sociedade.

Xuntanza con emprendedores tecnolóxicos

Andrés L. Martínez atendeu reclamacións de emprendedores tecnolóxicos galegos

Rematada a conversa na Facultade de Informática, boa parte dos asistentes trasladáronse á sede coruñesa de Igalia, compañía dedicada ao desenvolvemento de software libre que daría acubillo a unha xuntanza de distintos emprendedores do sector TIC con Andrés Leonardo Martínez, para dar a coñecer os seus proxectos, as súas necesidades e as súas demandas, agardando que así poida dárselle visibilidade a algunha oportunidade para o futuro.
Desta mesa desprendéronse numerosos temas de interese sobre os camiños que teñen que percorrer as empresas tecnolóxicas para prosperar, detalláronse os numerosos atrancos que aparecen á hora de quere levar adiante un proxecto (como as dificultades para atopar o persoal axeitado), discutiuse sobre as tecnoloxías que están a emerxer e incluso discutiuse sobre a falta de ambición de moitos proxectos (que resístense a medrar), a pouca proxección internacional (Martínez insistiu en que no ámbito local non existen oportunidades de negocio, especialmente en España) e a reducida comunicación entre os profesionais (resultando importante que xurdan foros que faciliten o coñecemento do que fan as distintas empresas, para aproveitar as sinerxías que poidan xurdir, especialmente de cara a optimizar recursos e entregar traballos de calidade).
Martínez non só asegurou que volvería a Galicia a relacionarse cos desenvolvedores galegos para procurar tender pontes, senón que tamén confirmou que xa hai tempo que se cursaron as solicitudes para a tradución de Gmail e Android ao galego, constatación que agradecerán os que levan moito tempo instando a Google a completar a localización dos seus produtos á nosa lingua, o que parece que será só cuestión de tempo.

A sede de Igalia acolleu unha xuntanza de Andrés L. Martínez con emprendedores

PUBLICIDADE