Spotify esixiralles aos seus novos usuarios que se rexistren en Facebook

martes, 27 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Spotify segue a incidir no seu camiño de pórlle atrancos os usuarios, contribuíndo polo tanto a ese proceso multitudinario de migración cara a outros servizos musicais en liña alternativos, algúns como por exemplo o Grooveshark igual de bos en servizos e fondo de cancións e, aínda por enriba, coa vantaxe de vir na nosa lingua. A máis recente guinda de Spotify aféctalles de xeito directo a aquelas persoas que queiran darse de alta no servizo, cousa que non será tan doada como pode parecer, xa que antes deberán de rexistrarse en Facebook, queiran ou non queiran facelo (este que escribe non querería).
Segundo se conta na Rede, isto xa se sabía extra oficialmente dende hai semanas, e oficialmente dende a semana pasada, cando os responsábeis de Spotify anunciaron na conferencia de Facebook que habilitarían unha aplicación integrada no seo desta rede social, cousa que obrigaría aos novos usuarios a dárense de alta nesta de querer tirarlle partido a Spotify.
Este proceso, se cadra orientado a ir enchendo as reducidas arcas do servizo musical, beneficiándose do éxito de Facebook, é ben posíbel que lle toque os narices a quen queira escoitar cancións na Rede e nada máis. De feito, tendo en conta as conexións establecidas coa rede social, semella que esta tranquilidade rematou. Agora, vía Facebook, todo o mundo saberá o que escoitamos nos nosos intres de lecer, os nosos gustos, mesmo as pequenas miserias musicais das que todas e todos, algunha que outra vez, somos présa. Porén, cómpre sinalar que non todo son malas novas. Segundo informan os responsábeis de Spotify, durante medio ano o servizo non vai pór atrancos ao tempo de escoita de música de balde.

PUBLICIDADE