Telefónica lembra en Santiago as múltiples vantaxes de ingresar en Galicia Open Future

luns, 11 de abril do 2016 Fernando Sarasketa

Mari Carmen López, directora de Galicia Open Future (GOF), o centro de crowdworking impulsado na Cidade da Cultura por Telefónica (coa colaboración de AMTEGA), estivo hoxe en Santiago, no Centro Demostrador TIC, para amosar o funcionamento, os obxectivos e as vantaxes desta palestra de innovación perante os seus potenciais usuarios vindeiros (iniciativas empresariais galegas de alicerce tecnolóxico-dixital e co nexo común da innovación entre os seus piares). Segundo lembrou in situ e por videoconferencia con aulas CeMIT doutras localidades, Galicia Open Future vai pola súa terceira edición e, unha vez máis, fornece a medio cento de proxectos a posibilidade de desenvolver a súa idea. O prazo para inscribir no programa a nosa proposta remata este 15 de abril.
Tamén fixo saber que GOF forma parte dunha iniciativa global e aberta (un macroecosistema internacional de emprendemento) na que tamén se integran servizos e recursos como Telefónica Ventures, Wayra (a aceleradora de meirande envergadura de Latinoamérica), Amérigo, Think Big ou Talentum (coa súa achega de 2.500 bolsas en 2.015). “Para sacarlle o máximo rendemento posíbel a todo este tecido de impulso a innovación”, sinalou, “xorden iniciativas de crowdworking como Galicia Open Future”.
O centro de Telefónica do Gaiás é pois unha iniciativa de colaboración público-privada que xunta todos os axentes e iniciativas que conforman o gran edificio do emprendemento innovador galego. Selecciona cada ano, recordou Mari Carmen López, medio cento de proxectos en cada edición e en diferentes fases de desenvolvemento (daranse a coñecer os seleccionados da terceira edición este mesmo mes de maio). Tamén fixo saber que o programa, no que Telefónica inviste anualmente preto dun millón de euros, ten unha duración inicial de seis meses (prorrogábeis en períodos de 3 meses). Ao longo deste tempo, engadiu a responsábel de GOF, os emprendedores recibirán formación e adestramento adaptados ás diferentes etapas do seu proxecto (idea, semente, prototipo, piloto ou lanzamento) e do seu modelo de negocio. Ao remate do camiño, un xurado de expertos seleccionará aos tres mellores “segundo a súa achega aos sectores estratéxicos de Galicia, a súa innovación, o potencial de mercado, o grao de maduración e a súa viabilidade, amais da súa composición multidisciplinaria, a súa motivación e o uso de tecnoloxía diferencial”.
Mari Carmen López, na súa presentación do CDITC subliñou a importancia dos incentivos que atoparán na súa andaina as empresas gañadoras: recibirán unha achega de até 25.000 euros da Axencia Galega de Innovación e, ademais, poderán acceder tamén a un empréstamo reembolsábel concedido por XesGalicia por un valor máximo doutros 25.000 euros.
“Buscamos proxectos de base tecnolóxica”, explicou, “entendida esta de maneira ampla”. Segundo fixo saber, tamén se lles pide que sexan innovadores e amosen capacidade de adaptación a diferentes contornas e capacidade de evolución (o que se coñece como “escalabilidade”). O seu ámbito de actividade poderá ser calquera dos ligados aos diferentes sectores que integran a economía galega, aínda que, subliñou a directora do centro galego de emprendemento, deberán amosar o nexo común de posuír un claro alicerce tecnolóxico. Segundo engadiu, nas dúas edicións anteriores estiveron representados, practicamente, todos os sectores produtivos galegos.
Por outra banda, recordou aos asistentes á presentación que non é preciso teren sede fixa no centro de Galicia Open Future na Cidade da Cultura. Iso si, sinalou, hai no programa unha serie de obradoiros (un total de cinco: sobre modelos de negocio, investigación, ideación, prototipado e comunicación) e sesións de adestramento que son de obrigada asistencia.
GOF, lembrou, ten arestora 28 socios públicos e privados. “Grazas a isto”, dixo, “os participantes poden beneficiarse de determinadas vantaxes para o seu labor, por exemplo as ferramentas de traballo achegadas por Microsoft, en virtude do apoio concedido por esta empresa a Galicia Open Future”.
Mari Carmen López tamén achegou unha serie de logros relativos ás anteriores convocatorias. Entre outros, que máis do 30% dos proxectos ampliaron equipo e xeraron emprego, ou que máis da metade das empresas foron quen de evolucionar de fase, ou que un terzo das firmas que concorreron en GOF traballaron co equipo comercial e de negocio de Telefónica.

PUBLICIDADE