Twitter muda a súa cronoloxía para destacar os chíos máis importantes
mércores, 10 de febreiro do 2016
Hai pouco máis dun ano Twitter estreou unha funcionalidade
consistente en amosar unha
recompilación de chíos relevantes das contas que seguimos e que puideron
pasársenos por alto mentres non estabamos a empregar Twitter, e agora anuncian
que van afondar nesta tecnoloxía, aínda que mediante un ángulo un chisco
diferente, que a nosa cronoloxía non estará formada só por chíos en orde
cronolóxica inversa, senón que incluirá
unha recompilación de chíos importantes (escolmados mediante intelixencia
artificial) para evitar que as persoas que seguen en Twitter a centos ou
milleiros de persoas non teñan a sensación de que se perderon as publicacións
máis importantes.
Esta función poderá activarse/desactivarse dende o menú de configuración de
Twitter, e só estará presente cando nos conectamos a Twitter tras un tempo
desconectado, de xeito que con refrescar xa podemos acceder aos novos chíos
rapidamente, pasando á experiencia de uso habitual.
Polo momento esta nova funcionalidade está a aplicarse paulatinamente entre os
usuarios de Twitter, de xeito que tardará semanas en espallarse globalmente, e
para gozar da mesma é preciso activala na configuración de Twitter marcado que
queremos que o sistema nos amose “os mellores chíos primeiro”.
Dende Twitter aseguran que estarán atentos á resposta dos seus usuarios, para
ir mellorando esta nova funcionalidade.