Un informe alerta de que o galego está ameazado no dixital
mércores, 26 de setembro do 2012
A rede pan-europea de excelencia Meta-Net presenta hoxe unha
serie de 31 libros brancos co
gallo do Día Europeo das Linguas, e que alerta de que 21 do 30 idiomas europeos
analizados están en perigo de extinción no ámbito dixital por carecer de
ferramentas automáticas de tradución, procesado de textos ou recoñecemento de
voz o suficientemente desenvolvidos como para manter unha presenza significativa
no contorno tecnolóxico.
Entre
as linguas ameazadas estarían o catalán, o éuscaro e o galego, que padecen
un situación moi diferente ao español, que aproveita a súa presenza internacional
para gozar do apoio das grandes multinacionais á hora de incorporar linguas aos
seus produtos e servizos, converténdose nun idioma con máis apoio que outras
linguas europeas como o alemán ou o francés.
O libro branco
sobre O Idioma Galego na Era Dixital,
foi un traballo coordinado por Carmen García Mateo e Montserrat Arza Rodríguez
(ambas da Universidade de Vigo) coas contribucións de Xaier G. Guinovart
(Universidade de Vigo), Eduardo R. Banga (Universidade de Vigo), Xosé Luís
Regueira (Universidade de Santiago de Compostela) e José Ramom Pichel (Imaxin
Software), traballo do que adiantaron algúns
detalles o ano pasado, e que sostén que a revolución dixital (comparable á
invención da imprenta por Gutenberg) é un risco para a nosa lingua e un reto
para a tecnoloxía lingüística.
O informe tamén dá conta da limitada presenza do galego na Internet, aínda que
existan iniciativas a ter en conta como a Galipedia, a iniciativa para
conseguir un dominio de Internet para a lingua e a cultura galegas, a
posibilidade de que servizos como Google e Facebook estean dispoñibles en
galego, que existan numerosas iniciativas defendendo a nosa lingua a través do
software libre ou que proliferen os xornais en liña en galego (aínda que
nalgúns casos correspondan a xornais en español traducidos de xeito
automático).
As conclusións do texto relativo ao galego é moderadamente optimista, pois en
Galicia hai unha comunidade investigadora en tecnoloxías da lingua con apoio
institucional e producíronse numerosos recursos e tecnoloxías de última
xeración para o galego, aínda que por outra banda dáse conta do reducido tamaño
do sector TIC galego e do pouco apoio por parte das grandes multinacionais á
hora de apoiar a linguas cun número reducido de falantes.