Varios proxectos tecnolóxicos galegos puideron verse na 2ª edición de B-web

venres, 3 de xuño do 2011 Marcus Fernández

O recinto de EXPOCoruña xuntou hoxe a múltiples profesionais galegos que buscaban formarse sobre a xestión e as últimas tendencias do social media, á vez que coñecer unha serie de casos de éxito entre os que destacaban iniciativas galegas, pondo o broche de outro á segunda edición do encontro B-web, que contou con máis de 35 profesionais compartindo o seu coñecemento co público fronte a máis dun cento de asistentes, o que é todo un éxito de asistencia para un evento deste tipo.

Os móbiles como motor


A sesión matinal comezou cun relatorio de Óscar Fernández, general manager de MMA España, que analizou a revolución que supuxo o teléfono móbil na publicidade, o marketing e as oportunidades de negocio, asegurando que «o maior desenvolvemento en redes sociais prodúcese no móbil» e incluso «estímase un 59% de crecemento no investimento en publicidade para móbiles en 2012».
Moi relacionado con ese tema, o xerente e fundador de eInnova, Antoni Biada, abordou o emerxente marketing xeolocalizado, asegurando que «todos os comercios, teñan ou non Internet, poden aproveitar as oportunidades que ofrece este servizo. Google Maps ou Places, Foursquare, Facebook Places… a través destas aplicacións as empresas innovas e permítenlles captar novos clientes».
Biada apostou a que co tempo todos os móbiles serán smartphones, pero coa penetración actual xa se conseguiron éxitos como o de McDonalds con Foursquare (que cun investimento de só un milleiro de dólares incrementou as súas vendas un 33%, conseguiu grande repercusión mediática e sumou uns 600.000 seareiros). Podemos ver a súa presentación a continuación:


A protección de datos


Continuou Víctor Salgado falando da Lei Orgánica de Protección de Datos (LOPD) e outras leis que afectan especialmente ás empresas na Internet (como as de propiedade intelectual). Tamén explicou conceptos como o feito de que os servizos na Internet que son de balde en realidade transforman os nosos datos persoais en produto, e temos que telo en conta, especialmente cando traballemos con compañías de fóra de España (onde os datos non gozan de tanta protección). Como reflexión comentou que «os usuarios das redes sociais cren que son de balde, pero realmente teñen un prezo moi alto: os nosos datos».
Salientou o feito de que tan pronto temos 20 amigos en Facebook, o que digamos ás nosas redes sociais será unha comunicación pública, o que podería provocar problemas legais.
Recomendou que as empresas que traballen na Internet deberían rexistrar o seu nome de dominio como marca, incluír os datos mínimos do titular do servizo en liña, publicar só contidos lícitos e autorizados, tratar os datos persoais axeitadamente, refinar os contidos ilícitos ou nocivos de terceiros, identificar claramente a publicidade, evitar o correo lixo e redactar as condicións e a licenza de uso do sitio web.

O marketing na Internet


Javier Recuenco e Gonzalo Figari intercambiaron pareceres sobre o marketing na web

A mañá pechou cunha mesa redonda sobre os erros principais para xestionar unha boa publicidade dixital moderada por Javier Piedrahita (Marketingdirecto.com), que comezou con Gonzalo Figari (D6) asegurando que «a vanidade é a gasolina da Rede».
Javier Recuenco (Aby Personalize) quixo deixar claro que, pese ao que dan a entender algúns, a Internet non elimina aos intermediarios, senón que os muda, e iso tamén acontece coa publicidade. Salientou que a publicidade na web ten dous grandes problemas: o paso dende a publicidade tradicional tende a fracasar e danse moitos abusos por parte de certos elementos que conseguen moita relevancia na web.
Figari instou á experimentación nos novos medios, comentando que algunha das súas campañas innovadoras teñen fracasado totalmente, de xeito que incluso rexeitaron a cobralas, pero son apostas para atopar novas fórmulas que saiban chegar ao usuario final dun xeito diferente.
Recuenco asegurou que moitas empresas solicítanlle a organización da súa presenza nas redes sociais sen que teñan que atendelas, o que é un paradoxo que tamén se ve en moitos políticos, que se estrean nestes medios en campaña electoral, o que implicaría que non cren realmente nos novos medios. Engadiu que os creativos que non queiran innovar están destinados ao fracaso na web.

Obradoiros sobre xestión de redes sociais e posicionamento de blogs


Paralelamente aos relatorios B-UPDATED, desenvolvíanse obradoiros baixo a etiqueta B-SOCIAL, que pretendían facer un achegamento bastante práctico ao traballo de xestión de comunidades en liña e redes sociais (da man do director de social media de Elogia, Rubén Bastón), ao posicionamento de blogs (por Javier Pedreira Wicho, co-editor de Microsiervos) e, xa na sesión da tarde, á estratexia dixital para PEME (por Francesc Pumarola, experto en estratexia dixital e autor do blog Gugleando por la red).
Rubén Bastón intentou dar resposta a preguntas como ¿para qué serven as redes sociais? ¿En qué se diferencian Facebook, Tuenti, Twitter e LinkedIn? Realizou apreciacións como que «o consumidor fíase máis do usuario que da marca, por iso hai que conseguir que os usuarios falen da marca».
Tamén sostivo que a xestión de Twitter é máis complexa que a de Facebook, en boa medida porque o uso de plataforma de Mark Zuckerberg ten un uso principalmente lúdico. Instou ás compañías a achegar valor nas redes sociais para animar aos usuarios a seguilos.
Javier Pedreira Wicho explicou a historia de Microsiervos, como caso de éxito e exemplo á hora de posicionar un blog na web. Comentou tendencias como que os usuarios están a deixar de seguir contidos a través de RSS para facelo a través de Twitter e ilustrou ao seu público sobre o modelo de negocio de Microsiervos asegurando que o 60% dos seus ingresos veñen da publicidade (vía Lainformacion.com) e o 40% dos contidos.
No tocante ás boas prácticas, recomendou establecer ligazóns sempre, asegurando que “dá igual que o lector marche, se os meus contidos son do seu gusto, volverá”.

Proxectos galegos como case studies


Na sesión de tarde Pablo Conde comezou explicando en qué consiste o seu proxecto de Bluguía, unha solución de guías GPS aplicado con éxito en varias cidades e tamén aplicado ao Camiño de Santiago. As guías inclúen itinerarios nos que descubrir puntos de interese para os turistas, estando dispoñible a información en varios idiomas, e podendo contar con información actualizada, deixando obsoletas as guías turísticas tradicionais.
Álex Penadés amosou o seu proxecto MyChiringuito.com, que é unha iniciativa que busca tirar proveito do croud sourcing para poder crear marcas ou fortalecer proxectos nos seus inicio. Teñen presenza en España, Magreb, Europa e EE.UU.
Manuel Cristóbal presentou a aplicación para iPad e iPhone ContoPlanet, desenvolvida por Perro Verde Films, traballo que se afastou ao que facían habitualmente, e que consiste nun repositorio de contos infantís interactivos que incluso permiten que os usuarios graven as narracións sonoras dos mesmos (característica pensada inicialmente nos pais, pero que finalmente está a ter máis éxito entre os nenos). Incluso están a pensar no feito de que as narracións sexan participativas, podendo compartirse na Internet e facilitando así a adaptación dos contos a máis idiomas (inicialmente conta con 3). Actualmente ten un catálogo de 5 libros, pero agardan que en cousa dun ano superen o cento, e tamén adapten os seus contidos a outras plataformas como Android e o escritorio.
Aspiran a converterse nunha plataforma de distribución, unha rede ao redor dos contos e unha editora dixital de contidos.
Ánxel Folgueira saíu ao escenario para dar a coñecer ao auditorio a rede social galega Cabozo.com. Principiou cun saúdo en vídeo de Antonio Mariño, fundador de Cabozo, que non puido acudir ao evento por estar no estranxeiro. Despois considerou que o que buscan non é facer un Facebook, pois teñen unha plataforma que non se basea na identidade persoal, senón que o que busca son contidos de calidade, sendo máis semellante a Twitter que a Facebook.
Comentou características de Cabozo como o poder facer videoconferencias a catro ou poder contar cunha canle de vídeo (en directo ou diferido) por parte dos usuarios.
Folgueira asegurou que xa non dan abasto co seu proxecto e están a aceptar colaboracións externas (p. ex., unha empresa de deseño de Lugo vai renovar a súa imaxe) e gustarían do desenvolvemento dunha aplicación móbil para Android ou iOS, lanzando a idea por se algún desenvolvedor desexase dar tal paso.
Ata o momento o proxecto non xera ingresos e os seus gastos o asumen persoalmente os seus responsables, pero non desbotan tirar proveito económico da plataforma no futuro, así como a súa adaptación a máis linguas.
A presentación desta iniciativa que carece de plan de negocio nin expectativas de viabilidade a longo prazo foi moi criticada pola audiencia, que a xuízo de Folgueira «non entendeu» o concepto de Cabozo.
Pola súa banda, Sergio Lago comezou explicando a problemática que tiñan os grupos musicais locais para producir os seus discos e distribuílos, o que os levou a introducirse nese sector nun proxecto no que fracasaron, pero que máis adiante levoulles a pensar en montar unha plataforma de venda a través da Internet, e ante a dificultade de contar con contidos dixitalizados, optaron por montar Toupa.net como unha tenda en liña de produtos físicos.
Enumerou os contidos que conforman a súa tenda e comentou que non se limitan a material puramente en galego, senón que tamén incorporan produtos en español de autores galegos ou textos foráneos traducidos.
Na súa aposta social, contan con presenza en Facebook e Twitter, e tamén publican un blogue.
Actualmente contan con 3.000 fichas de produto, 1.300 usuarios rexistrados e xa teñen un ano de vida.
Juan Antonio Galindo (Factory Web) presentou Updood, un ranking de usuarios de Twitter por cidades, conseguindo certa relevancia grazas a certa viralidade, e que facilita tanto a medición de certo éxito nas redes sociais como o descubrimento de nas persoas a seguir a través de Twitter.
Xosé Rodríguez (Rede Libros) realizou un repaso da situación do libro en España e Galicia, para achegarse a Rede Libros, a rede social galega do libro totalmente aberta para a súa consulta, aínda que é preciso rexistrarse para tirar un maior proveito da mesma. Sería unha rede de lectores para lectores, que conta cun catálogo de 1,2 millóns de referencias, e as fichas poden editarse como un wiki.
Non só ofrece unha base de datos bibliográfica, senón que tamén conta con elementos multimedia (galerías), ferramentas para a organización de eventos e actos, sistemas de enquisas e anuncios clasificados, etc.
Á serie de case studies puxo fin Alfonso Freire (Lúdica 7), quen comentou que para febreiro de 2012 agardan organizar unha nova edición de Compostweets cun formato novo e ambicioso.
Narrou o nacemento do encontro como unha xuntanza de tuiteiros que superou en moito ás expectativas, dando lugar a todo un evento masivo, que sentou os alicerces para futuras edicións e deixou claro o interese en Galicia polo social media.
Freire destacou que durante o Compostweets os asistentes eran «tan expertos» como os oradores, e en moitos momentos o backchannel era moito máis importante que a parte formal do evento. Para rematar quixo render homenaxe ao participantes na versión de 2011 do evento a través dun vídeo:


 

«Tengo una pregunta de social media para usted»


Xosé Ramón Nóvoa moderou unha mesa redonda titulada Tengo una pregunta de social media para usted, no que participaron José Manuel Alarcón (Krasis), Daniel Seijo (Diariomotor.com), María Mosquera (PéZcalo) e José Luis Casal (+VALOR), e atenderon a preguntas que recolleron entre o público nas dúas xornadas nas que transcorre o B-web.
José Manuel Alarcón apuntou que pese a que moitos defendan certo diferencial, «nas redes sociais o marketing segue a ser marketing», desmitificando algunhas das afirmacións realizadas durante estes días en EXPOCoruña.
Preguntados sobre se todas as empresas deben apostar polo 2.0 , José Luis Casal comentou que «antes que estar por estar, é mellor non estar», mentres que Alarcón quixo desbotar o mito da necesidade da presenza en redes sociais, por considerar que moitas empresas só poden escoitar, e teñen dificultades para establecer unha comunicación co seu público (exemplificou o asunto co caso das operadoras de telecomunicación, que sempre recibirán críticas, polo que podería non compensarlles estar presentes nas redes sociais).

José Manuel Alarcón e Daniel Seijo contrastaron pareceres sobre se certas empresas deben ou non estar presentes nas redes sociais

Daniel Seijo, pola súa banda, si defendeu que as compañías de telecomunicacións estean en redes sociais, aínda que non sexa directamente, mediante aplicacións en Facebook, un Twitter bidireccional, etc.
Seguindo o fío María Mosquera considerou que o problema das compañías de cara á mala xestión da súa reputación non está nas redes sociais, senón no seu funcionamento xeral, que é o que lles dá mala sona, magnificándose na Rede. As empresas deberían ter sempre unha boa atención ao cliente.
Mentres Alarcón sostén que as empresas están a forzar as plataformas sociais para atender ás súas demandas, en contraste con María Mosquera, quen asegura que moita empresas están interesadas no social e nas actividades en grupo.
Mosquera comentou que nunha iniciativa de internacionalización desenvolvida na súa anterior empresa conseguiron captar 500.000 clientes cunha campaña viral baseada nas recomendacións entre amigos. No caso de dirixirse a un público xeral, non ve problemas en usar publicidade en Facebook ou Twitter, pero para produtos moi concretos podería ser mellor un contacto con blogueiros especializados.
A este último respecto Alarcón comentou o bo funcionamento que ten o feito de que os blogueiros falen de produtos, xa que teñen unha audiencia e tenden a estar moi ben posicionados nos buscadores. Exemplificou o caso con Krasis Press, editorial que distribúe copias dos seus libros entre distintos autores de blogs, o que normalmente tradúcese nunha entrada que atrae visitas e pode contribuír na conversión en vendas de libros. Tamén comentou o caso dos blogs de moda, que aínda que non falen dunha marca en concreto, poden servir de plataforma para mellorar o impacto dunha empresa na súa presenza en liña.
Sobre o tema de cómo amosar o retorno do investimento en redes sociais María Mosquera asegurou que aínda non existe «unha fórmula máxica», aínda que si é posible calcular os aforros en call centers, en recursos humanos, etc. Tamén existen ferramentas para medir a repercusión da presenza en redes sociais, pero asegura que dende PéZcalo decidiron empregar outros sistemas de medición a través da comparación de diferentes KPI como ventas vs usuarios de Facebook.
Alarcón incidiu na necesidade de achegar valor a través das redes sociais publicando contido de interese, aínda que nalgún caso (principalmente cando o modelo de negocio é a venda de contidos) pode resultar contraproducente (moitos usuarios confórmanse con sucedáneos).
Casal avogou por que os profesionais das empresas sexan os que se formen para facer as funcións de Community Manager porque son os que mellor poden representar á empresa, por ser os que máis saben dela.

PUBLICIDADE