Vigo acollerá a 25ª edición da LaconNetwork o vindeiro venres

mércores, 22 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

A LaconNetwork renovou a súa páxina web de cara á súa edición viguesa

O venres 24 de febreiro a Cidade Universitaria de Vigo acollerá a 25ª edición da LaconNetwork, evento que xunta a numerosos emprendedores tecnolóxicos de Galicia para compartir un xantar como desculpa para establecer relacións entre eles e favorecer o xurdimento de sinerxías.
Este encontro comezará ás 12:15 horas na Sala I do Edificio Miralles da Cidade Universitaria do Campus Universitario de Vigo, e tras esta apertura terá lugar unha conferencia plenaria (aberta ao público en xeral) impartida por Miguel Silva, co fundador do fabricante de electrónica de consumo Blusens, que levará por título Where is my crispy Bacon?. O xantar de networking propio da LaconNetwork e que contribúe ao carácter informal deste evento que xunta ao tecido emprendedor galego debería de comezar ás 13:45 horas no local R&C como en casa na zona comercial da Cidade Universitaria.
O catering inclúe mexillóns, tortillas, queixo manchego, xamón serrano, empanadas, chouriciños ao viño, croquetas, nuguets, canapés variados, augas, viños, cervexas e refrescos.
Para coñecer máis detalles sobre os asistentes a este encontro tecnolóxico pode visitarse o seu evento en Facebook, sendo precisa a inscrición previa para poder acudir ao mesmo. O prezo do xantar que haberá que pagar de xeito anticipado será de 20 euros/persoa.

A LaconNetwork conta xa cunha aplicación móbil para iOS que facilita a participación nos seus encontros

Esta nova edición da LaconNetwork tamén destaca por certos detalles tecnolóxicos como é o feito de que o evento vén de estrear deseño da súa páxina web, cunha aposta máis visual, que aporta certo atractivo á cara destes encontros na Rede; e non é menos relevante o feito de que a LaconNetwork conte cunha aplicación móbil para iPhone e iPod Touch que facilita información sobre os eventos, permite seguir a conversa sobre os mesmos a través de Twitter, conectar con outros participantes, coñecer información sobre cada edición e a súa localización e, en definitiva, servir de guía móbil grazas a esta ferramenta desenvolvida mediante Bits for Meetings (B4M), plataforma para a creación de aplicacións móbiles para eventos que presentárase publicamente durante o AppCircus que acompañou á primeira edición do MobileCON Galicia, e que nos vindeiros días veremos aplicar tamén a outros certames como proba de fogo do seu potencial.