ReallyLateBooking gaña a primeira edición compostelá de AppCircus

venres, 9 de decembro do 2011 Marcus Fernández

A aplicación para Android Chove? presentouse con moito humor

Tras a primeira edición do MobileCONGalicia, o Edificio CERSIA acolleu a celebración do primeiro concurso de aplicacións móbiles AppCircus que ten lugar na cidade compostelá, que contou con Elena Pérez (Spartanbits), Alberto Ruibal (Mobialia), Miguel Silva (Blusens) e Nacho Sánchez (InQBarna) como xurado in-stage, e no que 10 finalistas tiveron que amosar as súas creacións para ver cal é o produto móbil máis destacable, o que ábrelle a porta a participar nos Mobile Premier Awards 2012 que terán lugar na vindeira edición do Mobile World Congress de Barcelona.

Os responsables de Accegal defenderon a vocación social de PictoDroid Lite

Estaban en poxa polo galardón varias aplicacións de sumo interese: PictoDroid Lite (aplicación para persoas con discapacidade que poden comunicarse valéndose de pintogramas), Mussage (sistema de mensaxería apoiado por librarías musicais sincronizadas), Chove? (aplicación que achega información meteorolóxica dos radares galegos), Rural Extremadura (guía de recurso xeolocalizados de Estremadura), ReallyLateBooking (sistema de reservas de hoteis de última hora), Escucha y Aprende Inglés (aplicación para aprender idiomas mediante o método Binaurality), B4M (servizo de creación de aplicacións móbiles personalizadas para eventos), Berokyo (aplicación para a xestión de arquivos en dispositivos e na nube, organizándoos en estantes), Obradoiros Abertos (guía de obradoiros artesáns xeolocalizados) e Absolute Defense (shoot’em up para dispositivos móbiles).

ReallyLateBooking gañou a primeira edición de AppCircus en Compostela

Nas presentacións destacouse o valor social da aplicación desenvolvida por Accegal (o PictoDroid Lite), que facilita que, por exemplo, nenos autistas poidan comunicarse valéndose dunha sinxela interface; acadou grande complicidade coa audiencia Juan Porta ao presentar a súa aplicación Chove? (valéndose dun humor moi galego); e Sergio Martínez do Estudio256 co seu videoxogo para móbiles Absolute Defense serviu para chamar a atención da audiencia sobre a pouca presenza de proxectos deste tipo (pois parecía quedar claro que as aplicacións máis vendidas para dispositivos móbiles son os xogos). Pero finalmente a vitoria recaeu no produto presentado por Javier Pazos, ReallyLateBooking, unha aplicación que ofrece reservas de hotel para o mesmo día, que está dispoñible tanto para Android como para iOS, e que nos vindeiros días vai estrear unha nova versión que aproveita a xeolocalización para axilizar o seu uso e comeza a integrar redes sociais para a súa potenciación. Sen dúbida, un grande expoñente de aplicación móbil que demostra o seu valor polo mero feito de ser un produto vivo que está a ser explotado comercialmente con éxito.

PUBLICIDADE