Vigo será unha das nove cidades estatais que celebre o HackForGood

luns, 6 de abril do 2015 Redacción

Será a partir da vindeira semana, do 16 ao 18 de abril, cando se celebre a III edición de HackForGood, unha iniciativa de Telefónica centrada na innovación, na que se desenvolverán novas ideas, servizos ou aplicacións que axuden a resolver problemas sociais. Dicir que esta edición será celebrada de xeito simultáneo en nove cidades do Estado, entre elas Vigo, amais de Madrid, Valencia, Málaga, Murcia, Sevilla, As Palmas, Salamanca e Valladolid. En canto os temas a tratar neste encontro, salientan: as Cidades e Mundos Intelixentes, as contornas conectadas así como M2M, Internet das cousas e impacto nas persoas e na cidadanía, aspectos nos que deberán inserirse os retos que os e as hackers sociais poderán elixir para elaborar as súas aplicacións, que serán avaliadas e premiadas, no caso das mellores, tanto local coma globalmente.
E indo ao caso concreto de Vigo, será a sala I do Edificio Miralles a que acolla aos e ás hackers sociais, ao pertencer a institución académica viguesa á rede de cátedras Telefónica, que conta para a celebración deste evento coa colaboración da Vicerreitoría de Economía e Planificación e as escolas de Telecomunicación, Enxeñería Industrial, Minas e Informática.
E quen pode participar neste evento? Calquera persoa (de xeito individual ou equipos) vinculada á comunidade universitaria ou non, con coñecementos de programación ou deseño, pode tomar parte no hackathon, ao que tamén poden concorrer cos seus propios retos, caso que os enviados previamente non lles convenzan. Emporiso, no caso de aquelas persoas ou organizacións (como ONG’’s) que carezan de coñecementos técnicos para desenvolver unha aplicación, pero que teñan identificado unha necesidade no ámbito social, poderán participar nesta iniciativa enviando o seu reto a través da páxina web de HackForGood e a organización do evento buscaralles un equipo de hackers para que traballen na súa idea durante a celebración do evento.
En canto á Cátedra Telefónica, dicir que vía a luz hai algo máis de catro meses e nacía de cara á innovación enerxética da Universidade de Vigo, centrando as súas actividades na promoción do desenvolvemento de propostas de mellora e novos servizos de eficiencia enerxética, o emprego de tecnoloxías da información na busca desa eficiencia e a análise da calidade enerxética ambiental.

PUBLICIDADE