WhatsApp confirma a lectura de mensaxe cunha dobre marca azul

xoves, 6 de novembro do 2014 Marcus Fernández

O estado das mensaxes de WhatsApp teñen creado certas polémicas no pasado polo xeito de indicar a súa recepción, que só indicaba cunha dobre marca cando a comunicación chegaba ao teléfono móbil de destino, sen indicar en ningún momento se o receptor lera a mensaxe e, en vistas de que esta información resultaba moi importante para os usuarios, tras un período de probas decidiron engadir tal funcionalidade de xeito definitivo.
Deste xeito, cando enviemos unha mensaxe a través de WhatsApp teremos un estado inicial marcado cunha icona dun reloxo que indicaría que a mensaxe está en espera de chegar aos servidores de WhatsApp; unha marca gris ou check indicaría que a comunicación enviouse correctamente; unha dobre marca gris ou double check serviría para representar a recepción da mensaxe no terminal de destino; e, finalmente, a dobre marca azul confirmaría a lectura da mensaxe, evitando así as múltiples confusións, e erradicando a incerteza sobre a recepción das mensaxes a través desta plataforma de correo instantáneo. Esta prestación xa está dispoñible para as versións de WhatsApp para iOS, Android, Symbian e Windows Phone.
WhatsApp tamén está a indicar double check nas conversas en grupo cando unha mensaxe chegou a todos os destinatarios.
A polémica sobre a interpretación pasada do double check chegou a inspirar unha curtametraxe de grande éxito na Rede:

PUBLICIDADE