Wirebrush4SPAM, ferramenta anti-spam de raizame galega

xoves, 3 de setembro do 2015 Redacción

Segundo apuntan diversos estudos, cada día son enviados arredor de 125.000 millóns de correos electrónicos no mundo e preto do 60% deles son correo lixo ou spam. Para eliminar este atranco nace a idea da tese de doutoramento de David Ruano, Wirebrush4SPAM, un xeito de desfacerse destas mensaxes non desexadas de publicidade, virus ou fraudes. Estamos perante un novo sistema aberto de filtrado capaz de clasificar os correos electrónicos con maior precisión e eficiencia. Cómpre subliñar que esta ferramenta está dispoñíbel para a súa descarga e uso de balde.
Volvendo á tese, con mención internacional e titulada Model for optimising the execution of anti-spam filters, dicir que foi presentada na Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense e realizada baixo a dirección do docente José Ramón Méndez Reboredo. Tanto a tese coma o sistema desenvolvéronse no marco dun proxecto de investigación levado a cabo desde 2010 polo Sing Group que tivo como obxectivo a creación dun sistema aberto de filtrado capaz de detectar spam en contidos web, proxecto no que participaron ademais do xa doutor e do seu director de tese os investigadores Noemí Pérez e Álvaro Pérez.
O principal obxectivo desta tese foi o desenvolvemento dun novo modelo de filtrado inspirado no funcionamento de SpamAssassin, unha das plataformas antispam máis senlleiras até o de agora. “A tese consistiu en deseñar novos mecanismos que permitisen mellorar tanto a eficiencia do sistema de filtrado (no que respecta á velocidade de filtrado) como a súa precisión (para conseguir reducir os erros na clasificación dos correos, reducindo os falsos positivos, a clasificación dun correo lexítimo como spam, e os falsos negativos, a clasificación dun correo lixo como lexítimo)”, explica David Ruano. Este obxectivo foi acadado mediante o refinamento de varios aspectos: o deseño e desenvolvemento de pequenas melloras técnicas para incrementar o rendemento global do filtro; a aplicación de algoritmos xenéticos para aumentar a precisión do filtro e o uso de algoritmos de planificación para mellorar a velocidade de filtrado. Froito deste traballo naceu Wirebrush4SPAM, un novo software de filtrado desenvolvido completamente desde cero e que incorpora o concepto de motor de regras previamente incluído en SpamAssassin.

PUBLICIDADE