Protección de Datos suspende as actividades de Worldcoin en España

mércores, 6 de marzo do 2024 Marcus Fernández

Nos puntos onde se sitúan os orbes de Worldcoin (como o situado en Marineda City na Coruña) fórmanse longas ringleiras de usuarios a diario

Nas últimas semanas era grande a preocupación de moitos cidadáns ao ver á mocidade acudir en masa a centros comerciais nos que están instalados os orbes de Worldcoin (como en Marineda City, na cidade da Coruña) dende os que captan datos biométricos dos usuarios a cambio de cartos, preocupación que trasladouse á Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) que vén de aprobar medidas cautelares contra Tools for Humanity Corporation para que cese na recollida e tratamento de datos que están a realizar en España no marco do proxecto Worldcoin, e proceda a bloquear os xa recompilados.
A AEPD recibiu varias reclamacións contra a empresa nas que denunciaban, entre outros aspectos, unha información insuficiente, a captación de datos de menores ou que non se permite a retirada do consentimento. Dado que o tratamento de datos biométricos está considerado como de especial protección polo Regulamento Xeral de Protección de Datos, dado que supón elevados riscos para os dereitos das persoas, cómpre paralizar as operacións de Worldcoin para previr a posible cesión de datos a terceiros e salvagardar o dereito fundamental á protección de datos persoais.
A Axencia Española de Protección de Datos entende que as medidas urxentes de prohibición temporal das actividades está xustificada para evitar datos potencialmente irreparables e non tomalas privaría ás persoas da protección á que teñen dereito.
Worldcoin xa tivo de deter as súas actividades na India, no Brasil e en Francia, ten aberta unha investigación en Reino Unido, e aínda que nos EE.UU. iniciou campañas de promoción, a súa moeda dixital é aínda ilegal en tal territorio. En vista destes antecedentes parece previsible que o proxecto sexa expulsado de Europa completamente.

PUBLICIDADE