Xorde un cliente de Telegram para Android en galego

mércores, 26 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

A primeiros de mes demos conta dunha versión en galego de Webogram, o cliente web de Telegram, comentando tamén que estaba a traballarse na tradución da emerxente ferramenta de mensaxería instantánea, pero alguén decidiu adiantarse a este traballo de tradución e publicou en Google Play a aplicación Galegram, facilitando unha interface de Telegram en galego (que de desinstalar antes a aplicación oficial permite conservar as conversas previas) aínda que cunha tradución un tanto deficiente e dun autor sen identificar claramente (parece responder ao nome de Miguel Carrillo, pero a ficha da aplicación sorprende ao remitir á páxina web do SERGAS).
Esta aplicación non conta coas mesmas prestacións que a aplicación oficial de Telegram para Android, senón que presenta algunhas carencias (non deixa compartir arquivos dende outras aplicacións) e tamén algunha opción adicional (como poder ocultar a hora da última conexión).

PUBLICIDADE