12 millóns de euros para iniciativas de I+D+i entre centros de coñecemento e empresas

luns, 18 de agosto do 2025 Redacción

O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a convocatoria das Unidades mixtas de investigación, á que se destinarán doce millóns de euros tanto para impulsar novas iniciativas como para consolidar proxectos xa en marcha. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP prevé mobilizar un total de trinta millóns de euros con esta liña de apoio, que poderá solicitarse ata o 22 de setembro.
Con este investimento, a Xunta busca fomentar proxectos colaborativos entre centros de coñecemento de Galicia e empresas. Poderán optar ás subvencións agrupacións formadas por un organismo de investigación galego (centros tecnolóxicos e de innovación, universidades públicas, centros do Consello Superior de Investigación Científica con sede en Galicia, fundacións públicas de investigación sanitaria ou outros organismos) e unha ou varias empresas. Como novidade, este ano cada agrupación deberá incluír obrigatoriamente polo menos unha pequena ou mediana empresa.
A convocatoria céntrase en tres fases: a creación de novas unidades mixtas, a consolidación das creadas en 2020 e 2022 e o impulso de centros mixtos de investigación.
Desde a posta en marcha desta iniciativa en 2014 apoiáronse 54 unidades (39 de nova creación, 12 de consolidación e tres centros mixtos), nas que participaron 39 empresas e 14 centros de coñecemento galegos. O programa permitiu dar emprego a preto de 830 profesionais e mobilizar máis de cento cincuenta e dous millóns de euros.
As actividades subvencionables inclúen investigación industrial e desenvolvemento experimental, co obxectivo de conectar coñecemento, tecnoloxía e tecido produtivo, promovendo un modelo de I+D+i baseado na colaboración e no fortalecemento das cadeas de valor. Entre os custos que se cobren están persoal, equipamento de nova adquisición, adquisición de patentes ou subcontratación.
Esta oitava edición das Unidades mixtas de investigación enmárcase no programa Activa I+G+i, que a Xunta dota con preto de 53 millóns de euros repartidos en catro convocatorias: Nexos (28 millóns), Unidades Mixtas (12 millóns), Fortalecemento de centros tecnolóxicos (9,75 millóns) e Recuperación da excelencia Neotec (3 millóns). Espérase mobilizar así máis de 100 millóns de euros.
As axudas, incluídas no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 e cofinanciadas pola Unión Europea a través do programa Galicia Feder 2021-2027, poñen o foco nas pequenas empresas para impulsar a I+D+i colaborativa e favorecer a transferencia de coñecemento que repercuta en melloras para a sociedade.