180 camións da portuguesa AGROS serán controlados polos GPS da galega Satdata

venres, 5 de decembro do 2008 Raquel Noya

A empresa galega de solucións tecnolóxicas Satdata, vén de ser seleccionada por AGROS, a União das Cooperativas de Produtores de leite de Entre Douro e Minho e Trás-os-Montes (U.C.R.L), para que controle e xestione en tempo real os máis de 180 camións de recollida que traballan na cooperativa diariamente.
Trátase da maior empresa agrícola cooperativa de Portugal que, logo de ter probado, sen éxito, durante ano e medio outros sistemas de xestión, acode agora á solución tecnolóxica proposta pola galega Satdata Telecom.
Esta última vén de pechar un acordo con AGROS, á que pertencen máis de 40 cooperativas de Portugal, para instalar na súa flota leiteira a solución Satdata Local, que foi mellorada con desenvolvementos ad hoc para cubrir as necesidades que presentaba o cliente.
Satdata Local foi integrada co ERP de Agros, así como con CANBUS e inclúe un navegador que permitirá coñecer en tempo real as horas e lugares exactos das recollidas e entregas de leite.
Nunha segunda fase do proxecto, o sistema permitirá medir os litros reais que albergan os tanques dos camións en todo momento, de xeito que a xestión e a coordinación das rutas verase “amplamente optimizada”.
AGROS comezou hai ano e medio a buscar unha solución integral de xestión e control de flotas que lle permitira optimizar a xestión da súa flota e garantir os máximos niveis de calidade no tratamento do leite e a nata.
A solución Satdata foi seleccionada logo de superar un período de proba de 6 meses para certificar o funcionamento dos desenvolvementos feitos a medida para AGROS.
Segundo representantes da empresa portuguesa, Satdata será quen xestione a súa flota porque, durante o proceso de selección e proba de sistemas, “Satdata destacou en fiabilidade e parametrización e foi a única que ofreceu unha integración ao CANBUS nos niveis que AGROS precisaba”.
Pola súa banda, Satdata Telecom, que distribúe as súas solucións en Portugal a través do seu distribuidor Consulfrota, considera que, tralo peche desta operación, “xa se pode falar de consolidación absoluta de Satdata no mercado portugués”.

PUBLICIDADE