O PEGSI, o Plan Estratéxico Galego para a Sociedade da Información da Xunta que está a ser debatido neste intre por 70 profesionais de diferentes sectores, inclúe un programa destinado a conseguir que unha boa parte do empresariado galego se mova cara a un novo escenario de traballo onde os produtos se comercialicen dende unha gran sede social que está en todas partes: a Rede.
Ese é o gran obxectivo do programa PEME Dixital, amais de favorecer o negocio electrónico e o emprego da factura electrónica. A iniciativa foi presentada este mércores 29 de novembro polo Conselleiro de Innovación, Fernando Blanco, durante o transcurso das sesións de traballo arredor do PEGSI en Santiago. Segundo fixo saber o conselleiro, as liñas de actuación que abrangue o proxecto van dende implantar solucións informáticas nas pequenas e medianas empresas ata fomentar a dispoñibilidade de novos servizos de negocio electrónico (incluída a factura electrónica), pasando por favorecer a concorrencia dos negocios galegos nos mercados electrónicos.
Máis polo miúdo, Innovación anunciou o seu compromiso de achegar “compoñentes básicos de factura electrónica baixo licenza de código aberto, amais de dar soporte loxístico e tecnolóxico ás empresas de desenvolvemento de software de Galiza para que implanten módulos de facturación electrónica aos seus paquetes de facturación tradicional”. O programa conta cun investimento de 1.356.220 euros, achegados pola Consellaría (640.000 euros) e polo Ministerio de Industria (696.220 euros).
Innovación presenta PEME Dixital, unha iniciativa para consolidar o negocio electrónico en Galicia
Compartir Este Artigo
