
As declaracións de Touriño enmarcáronse dentro do acto inaugural do II Encontro Internacional de Educación Audiovisual, que se celebra ata o vindeiro mércores en Compostela, contando o evento coa presenza de Laura Sánchez, conselleira de Educación e Ordenación Universitaria; Fernando Salgado, secretario xeral de Comunicación; Senén Barro, reitor da USC, entre outros.
Entre outras cousas, o presidente da Xunta adiantou que o Goberno galego está a traballar na extensión do Programa Rede de Centros de Telecomunicacións, que chegará ós 30 centros nos próximos dous anos, co que pretenden garantir que calquera cidadán galego teña acceso á Internet (e a videoconferencia) a menos de 30 minutos do seu domicilio, o que suporía unha “redución da fenda dixital no campo das comunicacións”.
No tocante ó audiovisual, Touriño tamén salientou a implantación da TDT en Galicia (que segundo as súas palabras está liderada pola nosa comunidade, xunto con Andalucía e Valencia) e afirmou que en 2007 a Xunta comezará unha iniciativa “para o despregue dunha Plataforma pola Calidade dos Contidos para as emisións de televisión dixital” que perseguiría “unha programación de máis calidade con especial atención á infancia e á promoción dos valores culturais galegos”.
Touriño anuncia máis ordenadores para os centros educativos e axudas para a compra de equipos informáticos por parte das familias galegas
Compartir Este Artigo
