
A xuntanza, que contou coa participación activa de expertos en medición de audiencias e publicidade, serviu para reafirmar a confianza nun concepto que, como sinalou Vaca Berdayes, constituiría un manifesto de intencións para o presente e o futuro: crear audiovisual, incluíndose nel a publicidade, é crear industria e facernos fortes (en Galiza e en España), e tamén afianzar a presenza de culturas e identidades como a galega no mundo.
E, se amais todo o sector aposta de cheo por tirarlle rendemento ás moitas posibilidades das novas tecnoloxías, case seguro que estará a camiñar polo vieiro correcto, de aí que “debamos ordenar o tráfico do sector e facer del industria potente exportadora, se non doutro xeito imos ser colonizados”, engadiu o presidente de Barlovento Comunicación, empresa de medición de audiencias.
Na sesión, moderada por David Martínez, director de Voz Audiovisual, tamén participou Daniel Salgado, xefe de Marketing e Audiencias de CRTVG, quen achegou a súa particular visión de como debe ser o comportamento dunha televisión pública: basicamente integradora de públicos diferentes, por moi situados que estean en puntos opostos de gustos e tendencias.
De audiencia e público e como se están a especializar cada vez máis tamén falou María Gil, directora de servizos de marketing de Sogecable Media. A María tocoulle falar dun tema que probablemente coñecía mellor que ningún outro dos participantes: a batalla televisiva polo posicionamento.
Sexa como sexa, tratou de quitarlle ferro ó feito de que tanto o público como (en consecuencia) as mensaxes informativas e/ou comerciais que lle chegan estean cada vez máis especializadas: “Non é unha ameaza senón unha oportunidade. Canto máis concretemos cal é o noso target de comunicación, máis oportunidades teremos para planificar en canles rendibles e evitar a inflación dos canles masivos”, manifestou.
Especialistas en publicidade e audiovisual avogan en Santiago por pechar ringleiras co fin de evitar “que nos colonicen”
Compartir Este Artigo
