

Asemade, a idea dos músicos que se adscriben a estes novos dereitos, das webs nas que se intercambian os seus produtos e dos propios usuarios que descargan estas cancións é potenciar a principal fonte de ingresos de artistas que, en contra do que moitos criamos, non é a venda de discos, senón a súa propia música. Dito doutra maneira: os concertos achegan entre o 60% e o 80% dos beneficios xerados. Mais, cal pode ser a chave para conseguir máis concertos e beneficios? Dende logo, apuntan os artistas, non se trata de poñer no mercado un CD a 20 euros, feito que para moitos músicos pecha máis portas das que abre. Para o novo xeito de facer música, as cancións son cartas de presentación, tarxetas, saúdos, manifestos, chiscadas de ollos e mesmo acenos de amizade. Non fontes de ingresos en si mesmas. Se somos quen de entender isto, poderemos entendelo todo.
www.aregueifa.net (e tamén aregueifa.blogspot.com)
Un dos nosos sitios galegos preferidos (en realidade son dous), exemplo perfectamente válido do que se entende por espazo libre de distribución de música a través das licenzas Creative Commons. Artistas e internautas poden achegar e solicitar o que se lles ocorra: “Non importa o que fagas (música, videocreación, pintura, poesía, fotografía ou banda deseñada), nen como o fagas, se é dixitalizabel e queres difundilo na Rede”. O sitio de Aregueifa.net é un netlabel (selo de Rede, en galego), nova índole de discográfica sen sede física e distribuíndo música de balde para os internautas, que non están obrigados nin sequera a achegar datos persoais ou a aturar publicidade agresiva (unha discográfica netlabel sería o máis semellante a un amigo afeccionado á música que che peta na porta para dar consellos). A Regueifa trae obras de tódolos recunchos do mundo para as nosas orellas e –asemade- reivindica o que se produce en Galiza.
Unha plataforma independente que resume en poucas palabras todo o que a outros nos leva a plana dunha revista. É un servizo relativamente novo, e vai encamiñado sobre todo a promover a artistas do estado español, sempre e cando eses artistas non sexan dos que teñen entre cella e cella a idea de estaren nos andeis de supervendas. En realidade, se esa é a súa única arela, pouco pode facer Dpop por eles, agás amolalos. Mais para todos aqueles que queren unha canle independente de difusión, cumpre unha boa parte dos requisitos. Os seus responsables, Ruben Ginestós e Marc Mariné, traballan a prol de facer que a listaxe de cancións da súa web sexa o máis semellante posible a unha cadea de reenvío, actuando os computadores de lanzadeiras: volver a volver a compartir. Os usuarios vense beneficiados porque non pagan un can e os músicos porque adquiren novos xeitos de darse a coñecer. O abano de estilos é amplo: rock, indie, electrónica, melódica e inclasificable. Tamén se ofrece unha axenda de concertos e un servizo de novas relacionadas cos grupos que difunden a súa música nesta plataforma. Asemade, hai unha sección para debater e enviar suxestións. En definitiva, Dpop non lles dá de comer ó músicos (polo menos, non directamente) nin satisface tódalas expectativas dos afeccionados á música (a listaxe de grupos é ampla, pero limitada), pero contribúe a quitarnos dos miolos a idea de que só hai un tipo de produción de discos posible: a que infla ata o límite do estoupido o valor do plástico da caixa e o papel en branco do folleto interior do CD.
Estírase e non rompe. A capacidade de afacérmonos ó paso do tempo mídese en termos de elasticidade. En poñérmonos en ámbalas dúas beiras do río e á vez; en camiñar coas botas dos demais para entendelos mellor. Aquí levan anos traballando uns individuos (Antonio Córdoba, Marta Peirano ou José Luis de Vicente) en dirección diametralmente oposta á industria tradicional da música e, por extensión, da cultura mesma. Foi Ludwig van Beethoven un dos primeiros “elásticos” do mundo, dicindo que debía haber un gran almacén de arte no mundo ó que os artistas levasen as súas obras e no que puidéramos tomar todo o que precisáramos. Para esta comunidade, hai máis que facer no mundo da música que ocuparse de camelar a produtores ou executivos. Mentres os camelas, perdes tempo de facer cancións e, sobre todo, de dalas a coñecer. Propoñen outros vieiros e, se por casualidade non foran os mellores, polo menos agardan por ti na seguinte curva.
Este espazo web (legal) pon a disposición dos internautas centos de miles de cancións. Isto non tería máis importancia se non fose por un pequeno detalle: son de balde. A web, que é unha das máis accesibles se non temos coñecemento previo de ningunha plataforma de descarga de música libre (polo que ben aparece indexada en Google e Yahoo!) inclúe moreas de obras musicais en mp3 e rexistradas con licenzas CC. Na mesma liña que outros servizos semellantes, distribúe o seu catálogo en estilos: jazz, pop, alternativa, acústica, clásica, hip hop, latina, mundo, rock, metal, etc. Na súa orixe, os responsables da web ofreceron 50.000 novos temas por mes. Hainos para baixar e hainos para escoitar con feitura de radio. Claro: non están os grupos máis coñecidos, mais unha das grandes leccións de Supercoco debeu ser aprendernos dende pequenos que non sempre o máis coñecido é o mellor.
Habendo como hai webs de música e cultura libre, ata certo punto caía de caixón que se comezaran a organizar certames e festivais que compartiran o mesmo espírito, e sen que fosen por norma eventos exclusivos de cultura “perro-flauta”, aínda que si en parte. O Festival Libre é fillo do seu tempo, entendéndose polo seu tempo a era de Internet. Ou sexa, que sen Rede non habería un certame así nin outros da mesma liña. A sección web do certame é unha lanzadeira para autores e agrupacións que elixiran licenzas libres.
http://musiccalibre.blogspot.com/
Dentro disto da música libre, os blogs tamén teñen moito que dicir aínda que non podan ou non queiran chegar ás cifras de cancións manexadas por outros servizos. Este blog non representa a mellor de tódalas opcións dispoñibles, e non só polo catálogo de temas que pon á nosa disposición (interesante, pero moi limitado) senón porque semella que foi vítima dun claro caso de abandono. E é que a listaxe de bitácoras que foron deixadas soas e na intemperie é tan longa como para que teñamos que ollar de esguello calquera estatística que se faga sobre o número de blogs no mundo.
Cando naceu a web Pop Bastardo, os seus primeiros berros e patalexos dende o berce foron de gravación pirata, con acople de instrumentos incluído. Por fin un caderno onde se lle dá a importancia que merece a todo o que non constitúe a discografía oficial dos artistas!, dixeron os internautas que o puxeron en favoritos. Logo pasa o que pasa: que é complicado manter vivas as lapas, sexa por mor das presións da industria ou de autores cinguidos ó Copyright ou sexa porque a tarefa de rexistrar gravacións malditas esgota máis ca pescudar sicofonías. O caso é que foi bonito mentres durou.
Este é un servizo moi empregado polos internautas galegos: facendo unha pescuda nos diferentes blogs na nosa lingua atopamos temas musicais abondo obtidos a través desta web. É sinxela, útil e vai encamiñada a quitarlle ferro ó feito de descargar cancións pola Rede (de feito, un dos seus lemas é “Non somos malos”). Magnatune.com non é un sitio de descarga libre. O que hai, cómpre pagalo. Pero non hai que deixarse estarrecer, a fin de contas estamos a mercar música de artistas ós que moi dificilmente veremos poñer un pe na nosa terra para montar un concerto. Así que o seu traballo compensámolo doutro xeito, achegando o que podamos (a partir dunha cifra mínima de catro euros, e de aí para arriba). Procurar cancións en Magnatune e descargalas ten un aquel de teimosía arqueolóxica. As posibilidades de atopar algo interesante son altas (a polución das correntes maioritarias da música de consumo apenas se sente), e co engadido de ter feito ti mesmo e sen axuda unha auténtica descuberta coa que gabarte perante os demais. O punto forte da web é que che aseguran que a metade do que pagues vai dar ó artista. As opcións son: baixar as cancións dunha obra musical pola web ou encargar o disco con caixa, folleto e todo achegando o noso enderezo de correo. Se prememos nunha obra que nos parece interesante, podemos escoitala coma se fose o produto dunha procura ben encamiñada no dial da radio. O servizo achéganos suxestións do día e novidades. Entre os grupos que promove, dificilmente atoparemos algún moi coñecido. Non é que sexan músicos que tocan no garaxe da súa casa para as amizades, pero si que podemos estar seguros de que nunca se sentirían cómodos en grandes auditorios.
The Red Ferrer é un portal sindicador de contidos musicais, o que máis ou menos quere dicir que nos indica vieiros a seguir na nosa pescuda de cancións pola Rede. Nesta web indícase que hai un millón de temas musicais espallados por Internet, aínda que a cifra probablemente se dispare se algún día se se contan as que non están rexistradas. O certo é que a cantidade de servizos ligados de todo tipo (de descargas libres ou non libres, de críticas ou de simple información) é tan grande que o seareiro corre o risco de perderse e (coma nós) de botar de menos máis sitios que poñan un pouco de orde, sitios grandes que aglutinen o que ofrecen moitos pequenos de xeito disperso.
O Internet Archive é, por así dicilo, o gran coleccionista de arquivos de audio na Rede. Detrás deste servizo está unha organización non gobernamental do mesmo nome e que ten a intención de ceibarnos ós cidadáns do mundo dos séculos escuros do dixital, que é como lle chaman os membros do colectivo a este “mentres tanto” no que vivimos e no que non damos sacado bo proveito das grandísimas posibilidades das novas redes. Por exemplo: somos conscientes de que a Biblioteca de Alexandría sería unha simple sala de lectura en comparación coa que se podería habilitar en Internet unicamente botando do man das obras con licenza aberta? Pois ese é precisamente o camiño que segue esta web: o da libraría total. E de música aínda podemos sacar un bo anaco.
Os netlabels son selos de rede, novas discográficas en liña que o único que teñen en común coas tradicionais é que nos fornecen de obras musicais. Polo demais, os temas son de descarga gratuíta e o feito de desfrutar deles non compromete en ningún aspecto ós seareiros. Os netlabels son relativamente novos (van cinguidos á Rede e máis polo miúdo á Rede social), polo que pode ser complicado saber cales son os que máis nos se axustan ós nosos gustos. Un bo xeito de acceder a eles é visitar esta web que nos ocupa, un wiki e/ou directorio que achega datos sobre máis de 200 selos en liña, o que máis ou menos subministra unha idea do que imos atopar: música para tódolos gustos. Tamén podemos atopar programas de radio con cancións destes servizos, foros de discusión ou mesmo as ferramentas precisas para habilitármonos a nosa propia páxina interna (ideal se somos músicos e comungamos cos principios dos netlabels).
