A plataforma PuntoGal segue a traballar a prol dun dominio propio para a nosa cultura en Internet (“.gal”) e a recadar apoios en tódolos recunchos posibles. Por unha banda, continúa coa recollida de sinaturas a título individual na web (a día de hoxe venres 23 a campaña xa vai polas 3.800 achegas) e, pola outra, prosegue coas xuntanzas con representantes políticos galegos co fin de acudir perante a ICANN (o organismo mundial que xestiona a entrega dos dominios e que se reunirá a finais de marzo en Lisboa) co meirande número de implicacións. Nesta liña é onde cómpre situar a reunión mantida esta semana en Santiago co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. A cita, que se desenvolveu no despacho do titular do goberno galego en San Caetano, tivo por obxecto transmitirlle ó presidente as medidas que se están a tomar con vistas á proposta da candidatura galega perante o ICANN (entre esas iniciativas cóntase a campaña para acadar apoios nos centros galegos e nos lectorados das universidades que dará comezo en breve).
Pola súa parte, Pérez Touriño fixo fincapé no relevante que pode ser para Galiza e para a promoción da súa cultura e identidade no mundo o feito de acadar un dominio propio.
PuntoGal consituíuse como asociación o 10 de xuño de 2006 nunha asemblea celebrada no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela. Na súa andaina conseguiu o apoio das máis representativas entidades ligadas á cultura e a lingua galega, entre as que figura a Real Academia Galega, o Consello da Cultura, A Mesa pola Normalización Lingüística, a CRTVG, a Asociación de Editores de Galicia, o Consello da Xuventude, Federación de Libreiros de Galicia, o Colexio de Arquitectos, o Consello da Avogacían e o CESGA, entre outras.
O presidente da Xunta amósalle o seu apoio á iniciativa PuntoGal, que xa se achega ás 4.000 sinaturas
Compartir Este Artigo
