O eixo das partys informáticas semella estar a desprazarse cara a Galiza, malia que as cifras sobre o nivel de aceptación na nosa terra do que teña que ver coa Sociedade da Información semellan máis ben pobres, segundo os datos publicados estes días polo INE estamos máis ou menos coma sempre: metidos con medio corpo nunha fenda dixital xunto con estremeños e manchegos. Porén, a mocidade galega está nun estremo ben diferente ó do resto da poboación, e reclama máis tecnoloxía, máis acceso ás redes e, sobre todo, máis encontros para verse as caras uns ós outros e compartir coñecemento. Así o entende a Asociación de Internautas das Rías Baixas Galegas (AIRBAG), que vén de presentar unha nova edición de Arousa Party, unha xuntanza para internautas e tamén para non internautas e que vai encamiñada a achegar algo máis ca un teito para protexer ós mozos e mozas do mal tempo. É dicir: terán redes (1 xiga mínimo de velocidade), xogos, relatorios, mesas redondas e exposicións. Haberá prazas para 500 internautas. Ademais, serán tres xornadas de conexión: do 4 ó 6 de maio en Fexdega (Vilagarcía).
A Arousa Party será algo máis ca unha LAN party, entendéndose esta coma “unha festa que reúne a un grupo de persoas coas súas computadoras para xogar, compartir e intercambiar información, amais de poder coñecer xente, facer amigos e aprender doutras persoas sobre tecnoloxía” (Wikipedia dixit). Para comezar, será máis ca unha party porque o recinto Fexdega de Vilagarcía acollerá de xeito simultáneo a edición de 2007 de Imaxinaria, a Feira de Inventos e Innovación Tecnolóxica, un evento que, polos seus obxectivos e contidos acáelle á party informática (e viceversa) coma un capítulo do mesmo libro.Esta é a opinión dos organizadores de ámbolos encontros, sendo o fin desta unión de forzas atraer a meirande cantidade de visitantes. Dito doutra maneira: é máis que posible que se che interesan os desenvolvementos tecnolóxicos e os inventos tamén estea entre as túas prioridades estar decote actualizado nas redes e noutros asuntos.
E achegar coñecemento e abrir ben as orellas para que os demais che fornezan del.
O proxecto Arousa Party non é novo. Nestas liñas estamos a falar xa da segunda edición da xuntanza, e a do ano pasado tivo éxito abondo, polo que se deduce das cifras que vén de presentar a organización. Na convocatoria 2006 participaron 250 internautas, e a party púidose ver reflectida en numerosos medios informativos galegos (La Voz, Faro de Vigo, Diario de Arousa) e españois (Custom PC, que lle dedicou á xuntanza unha plana enteira). Todo isto fai que as esperanzas dos organizadores vaian alén de acadar un nivel de éxito semellante coa edición 2007, dobrando ou triplicando a participación, tanto de persoas inscritas como de visitantes en xeral. Pegados ó pulso, AIRBAG conta con varios ases na manga: este ano elixíronse mellores datas e, ademais, vai coincidir coa celebración de Imaxinaria, un evento ben consolidado a nivel internacional.
Os obxectivos da Arousa Party son os mesmos cós do ano pasado, pero anovados e máis centrados en afondar no valor de compartir.
· Que a xente en xeral coñeza Internet e todas as posibilidades que ofrece.
· Que os usuarios dispoñan de información xeral, “considerando que a Rede é a mellor enciclopedia que existe”, sinalan os organizadores.
· Reflexionar sobre os últimos avances na Sociedade do Coñecemento. Os cursos, as conferencias e as charlas xogan un papel fundamental neste apartado de divulgación.
Características ó voo
· A organización quere contar con 500 participantes, repartidos en 16 mesas dispostas en dúas columnas ó longo do recinto de Fexdega con 24 persoas cada unha. Sexa como sexa, a capacidade real de visitantes é de 1.500.
· A cada persoa inscrita se lle achegará un punto de conexión á Rede máis un enchufe onde conectar a regreta para a conexión eléctrica do seu computador (xa sexa fixo ou portátil).
· O espazo que se habilitará para a party terá unha superficie de 6.500 metros cadrados.
· Haberá un total de 15 relatorios.
· Está previsto que acudan ás charlas preto de 2.000 persoas.
· A organización calcula que polo recinto pasarán máis de 7.000 visitantes entre o 4 e o 6 de maio.
· Habilitaranse 30 videoconsolas de acceso libre para os visitantes.
· No espazo que rodea ó recinto haberá 450 tendas para acampar.
· A velocidade mínima de conexión á Rede será de 1 xiga.
· A party contará cun espazo para exposicións que poderá albergar preto de 120 stands.
Imaxinaria: homenaxe á materia gris
Un lugar onde non se presenta nada que se presentase antes. Así se podería dar a coñecer a mostra Imaxinaria de Vilagarcía, o Salón Internacional de Inventos e Innovación Tecnolóxica que organiza a Fundación Fexdega e que nesta edición 2007 ficará de portas abertas do 4 ó 6 de maio, coincidindo coa Arousa Party. Trátase dunha xuntanza que é tamén unha exposición dos desenvolvementos daquelas persoas que, coa única axuda das mans e imaxinación, levan a cabo algún tipo de ferramenta, dispositivo ou trebello que non se fixera antes, e que (ademais) teña utilidade. O salón inclúe zonas expositivas onde os inventores dan a coñecer as súas propostas e tamén incorpora un programa de conferencias e intervencións.
Para a os organizadores, é crucial (se cadra, hoxe en día máis que nunca) estimular con estes eventos a creatividade dos innovadores, tendo en conta as moitas propostas que poden achegar en cuestións de tanta importancia como a mellora da calidade de vida das persoas ou a loita contra o cambio climático, a contaminación ou e mesmo as catástrofes naturais.
Características do recinto
O recinto do recinto feiral Fexdega ten as seguintes características:
· 40.000 metros cadrados de recinto.
· 11.000 metros cadrados cubertos.
· 405 prazas de estacionamento propio máis de 300 municipais no espazo exterior.
· Vestiarios para espectáculos e eventos deportivos.
· Aulas para seminarios e cursos.
· Capacidade para albergar case 8.000 persoas de pe e 5.800 sentadas.
· Conexións a Internet a través de liña ADSL e sistema WiFi.
