Niklas Zennstrom e Janus Friis son dous personaxes que, como moitos outros do mundo da informática e dos seus achados, aparecen sempre de dous en dous (por exemplo, os creadores de Google, Sergey Brin e Larry Page, ou os de YouTube, Chad Hurley e Steve Chen), poñendo de relevo que a posta en marcha de anovadores servizos en liña é unha tarefa que non se diferenza moito do resto das tarefas cotiás que se desenvolven no mundo, nas que dous cerebros case sempre funcionan mellor ca un. O caso é que o binomio Zennstrom+Friis (creadores de Kazaa e, se cadra, dous dos personaxes máis odiados polas SGAEs do planeta) ficaba nos últimos tempos nun certo limbo de esquecemento, malia que por separado si que daban que falar (Zennstrom co Skype, por exemplo). Desta volta aparecen de novo coa web de vídeos e televisión chamada Joost (antes chamada The Venice Project e nun principio de balde e con anuncios), onde queren que todo sexa estritamente legal. Nela están a traballar ombro con ombro a prol da divulgación de produtos audiovisuais, logo de poñelo todo da súa parte a prol da música (a gran industria discrepará deste comentario) e da telefonía libre (con Skype, servizo que tampouco é ben visto polos grandes, neste caso polas operadoras).
Sexa como sexa, segundo informa The New York Times, hai unha nota diferenzadora deste proxecto (o primeiro servizo mundial en liña de televisión de alta calidade) con respecto ós anteriores: Zennstrom e Friis están a traballar seguindo polo miúdo tódolos requirimentos de legalidade, conseguindo licenzas alí onde sexa preciso conseguilas e o apoio dos que curtan o pastel. Ou sexa, que están a traballar seguindo o manual.
“A razón de por que estamos a facer as cousas así é pola nosa experiencia”, sinalou Friis nunha entrevista co devandito xornal a semana pasada. “Sabemos como son estas cousas e, sobre todo, sabemos que non queremos estar durante moito tempo metidos nunha batalla legal interminable”, comentou, en clara referencia ós problemas que trouxo consigo a posta en marcha do servizo Kazaa (vendido en 2002, pero achegando aínda un ronsel de conflitos legais), o xa mítico espazo de descarga libre de música.
O seu máis recente proxecto, chamado Joost, está a atraer importantes alianzas, como por exemplo a de Viacom, que asinou un contrato con Friis e Zemmstrom polo que se compromete a achegar as súas redes MTV e BET amais de filmes da casa Paramount. Cómpre sinalar que a estratexia de Viacom (e tamén de Joost, a fin de contas) é a de lanzarse a competir directamente con YouTube, servizo de vídeos en liña que é un dos grandes fenómenos da Internet dos nosos días. O acordo entre Viacom e Joost veu xusto despois de que as negociacións entre a primeira das empresas e YouTube (propiedade de Google) fracasaran. O motivo? As licenzas de centos de horas de vídeos recollidos (en palabras de Viacom, espoliados) da dita cadea norteamericana, pendentes de seren aboadas. Segundo Viacom, hai neste intre preto de 100.000 vídeos da súa propiedade indo de aquí para alá na e libremente na plataforma YouTube.
Polo tanto, de aí a asinar cun servizo novo como Joost (que, como dixemos, quere facer as cousas polo legal) só houbo un paso. Por certo que o proxecto web antes chamado The Venice Project tamén asinou acordos con Warner Music ou con produtoras de tv como Endemol. Toda unha estratexia de protección de cara a evitar futuros litixios non desexados. Así están a facer as cousas Friis e Zennstrom, os “escarmentados”.
Zennstrom e Friis queren que o seu anovador servizo Joost sexa cen por cen legal
Compartir Este Artigo
