España, se cadra pola súa longa e rica tradición de estafas e estafadores, é un dos países do mundo onde máis ataques de phishing se teñen detectado, sobre todo os que teñen ás entidades financeiras (e ós usuarios, claro) no seu punto de mira. Así, segundo vén de anunciar o departamento de seguridade da empresa de protección de datos EMC (a firma RSA), o país rexistrou no pasado mes de xaneiro o 6% de todos os intentos de fraude en liña desta índole sufridos polo sector bancario mundial. Estes datos, que sitúan a España (de novo) no terceiro posto deste máis ben triste ranking internacional, complétanse coa cifra concreta de bancos que foron obxecto destas prácticas: un total de sete, rexistrándose finalmente 62 ataques, todos eles procedentes de Estados Unidos e dun dos países que a priori non viñan en case ningunha das apostas: Belize.
Polo que respecta ós datos mundiais, a cantidade total de incursións en liña de phishing vén de experimentar un descenso con respecto ás cifras do mes de decembro, xa que houbo 161, en comparación cos 205 que se detectaron a finais do ano pasado.
Cómpre lembrar que o phishing é unha práctica fraudulenta que ten moitas faces, sendo a súa variante “bancaria” (na que internautas do mundo que andan á procura de cartos alleos fanse pasar por traballadores de entidades financeiras) unha das máis notorias.
España, de novo no terceiro posto de ranking de países afectados polo phishing
Compartir Este Artigo
