A loita pola lingua ten unha das súas frontes principais no eido das novas tecnoloxías da información. É dicir: se a lingua ten máis pegada na Rede e nos móbiles, terá logo máis posibilidades de facerse forte, saíndonos ó paso, procurándonos sen que a busquemos, estreitando ligazóns co que de innovador hai na sociedade. Así o entende A Mesa pola Normalización Lingüística, que, xunto cunha boa parte da cidadanía galega, non é quen de entender como é posible que nin as operadoras nin os principais fabricantes de móbiles (agás Alcatel, un dos pioneiros) ofrezan os contidos e os seus servizos na nosa fala.
Neste senso, a Mesa pon como exemplo o acadado hai uns meses pola Generalitat de Catalunya, que conseguiu o compromiso das ditas empresas a prol do catalán. Emporiso, a plataforma galega vén de emitir un comunicado no que anuncia que seguirá adiante coa petición de galego nos móbiles (tal e como vén facendo nos últimos tempos) pero incorporando un cambio de estratexia: a partir de agora, dirixirase á Consellería de Innovación posto que “dá por perdida” a vía da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A xuízo da mesa, este departamento da Xunta “nin tan sequera fixo as xestións para que as fabricantes e a operadora que facturan para o Goberno galego garantan o uso da nosa lingua propia, malia ser a súa obriga”. A partir de agora, as reclamacións para axilizar as negociacións irán encamiñadas á Consellería de Innovación, co fin de que acade un acordo semellante ó da Generalitat. Se estes trámites chegasen a bo porto, a Mesa estima que todas as operadoras e o 90% dos terminais terían a opción en galego.
A Mesa apela á Consellería de Innovación para que acade a galeguización da telefonía móbil
Compartir Este Artigo
