Galiza, co seu tecido empresarial onde predominan as iniciativas de tamaño medio ou pequeno (iso que chaman “peme” na xerga econónica), parte cunha serie de vantaxes neste mercado global que nos rodea e que nunca semella ficar quedo, sempre medrando. Estas vantaxes, como dicimos, están vinculadas ás reducidas dimensións das empresas tecnolóxicas (que serán máis áxiles para afacerse ós cambios), pero tamén a un espírito polo de agora semi latente de participación e traballo conxunto. Desta maneira, cun ollar optimista para as posibilidades de Galiza, falou Rosa García (presidenta de Microsoft Ibérica), nunha reunión organizada pola Asociación para o Progreso da Dirección Zona Noroeste en Santiago, perante os representantes dalgunha das empresas máis punteiras da nosa terra en materia de Sociedade da Información (Coremain, Blusens, Interacción, etc).
Ó seu xuízo, o mercado é máis ca nunca un tren en marcha, un tren que de non collerse xusto agora, poida que non se colla nunca, e, dende logo, nunca poderá ser posible sen “un emprego axeitado da tecnoloxía”. Mais predominan os bos augurios: en contra do que se pensaba, xa non importa o tamaño na cuestión corporativa.
“Non é preciso ter grandes entes monolíticos senón que o que prevalece agora son compañías pequenas e áxiles que se asocian a outras que lles acompañan polo camiño”. Neste senso, puxo á empresa que representa en España como exemplo: “Moitas persoas pensan que a nosa compañía é grande, pero o certo é que só temos unha plantilla de 500 empregados neste país”. Ó seu xuízo, téndese a crer nun meirande número de traballadores e de oficinas precisamente pola envergadura da carteira de clientes, que ascende a máis de 12.000 corporacións.
Segundo Rosa García, vivimos nun momento decisivo, de cambios continuos nos eixes de produción. De feito, unha boa parte das industrias de Occidente están a dirixir o ollar cara á Europa de Leste e cara a Asia, na procura de menores custos de produción e man de obra máis barata. Polo tanto, cómpre mover ficha e usar a materia gris. Ó seu xuízo, estas son as chaves para triunfar no século XXI:
· Entender o que quere o cliente.
· Innovar. Mais innovar non é só para as grandes compañías, nin só para os laboratorios onde traballa xente moi intelixente e preparada con batas brancas. Innovar tamén é crear novos procesos a pequena escala, e o método máis axeitado para facelo é crear alianzas con outras empresas, centros de investigación ou universidades, co obxectivo de operar en grupo, en cadea, achegando o que lle falta ós demais, traballando en mancomún, “algo que é unha das grandes eivas da nosa economía”, comentou Rosa García.
· Crear unha empresa que consiga atraer ós mellores. Unha política de recursos humanos axeitada é fundamental, como tamén o é facer todo o posible para o talento abrolle.
Ó seu xuízo, todo o anterior non vale de nada se non se lle emprestamos atención ó que en última instancia decide sempre quen gaña e quen perde: os clientes. “E de clientes”, dixo a presidenta de Microsoft, “a miña empresa ten un aquel de experiencia”. Estes son os puntos que, na súa opinión, cómpre sempre ter en conta:
· O cliente non busca mercar produtos, senón novas experiencias.
· Os clientes están fartos de os seus provedores non os coñezan.
· Os clientes queren que os procesos de venda sexan o máis doados posible.
· Deben sentir que son entendidos polas empresas. Isto pasa con todos os produtos.
Tanto estes puntos como os anteriores están a crear unha situación de mercado global na que nada é seguro, e, de entre tódalas cousas que se tambalean ata caer, destacan sobre todo as ideas herdadas dos vellos modelos empresariais, os tópicos, as leccións que nos aprenderon nas clases de marketing.
O caso de Amazon serviulle como exemplo do devandito. “En Internet”, comentou, “comeza a pagar a pena vender menos de máis cousas”.
Rosa García afirma que a axilidade ante os cambios e o traballo conxunto son as chaves para o trunfo das empresas galegas
Compartir Este Artigo
