Hoxe en día, tan importante como a información (e nalgúns aspectos, máis) é que se nos achegue a posiblidade de recuperala, administrala e xestionala. E todo iso con métodos doados e accesibles para todos os usuarios. En definitiva: necesitamos instrumentos para manexar os datos, instrumentos que non convirtan a información nunha lousa ou nun disco duro inútil que retén pechados os seus segredos. Nesa liña (precisamente), na recuperación dos datos, é na que están a traballar o grupo IRLab do departamento de Computación da Universidade da Coruña (UDC), un equipo coordinado por Álvaro Barreiro e que, a diferenza do labor de Google e Yahoo! (que, para entendérmonos, teñen algúns puntos en común), encamiña os seus esforzos a crear un sistema que poida operar en liña como os ditos buscadores mais tamén noutros catálogos informatizados.
Segundo informa a UDC nun comunicado, a finalidade concreta da investigación é deseñar ferramentas que poidan albergar e organizar grandes volumes de información, a través das cales poidamos ser quen de facer procuras de xeito eficaz, “cuns resultados axeitados e no menor tempo posible”.
Unha destas ferramentas é NowOnWeb, posta en marcha para o proxecto Recuperación de sentencias relevantes e noveles usando modelos e técnicas de recuperación de información. Trátase dunha aplicación feita á medida de quen busque datos rápidos e útiles sobre novas dun tema concreto. Este sistema en concreto é, segundo sinala a UDC, especialmente proveitoso para o estudo de técnicas como a detección de redundancias.
Un equipo da UDC traballa no deseño de novos buscadores, en liña e fóra de liña
Compartir Este Artigo
