Que a tecnoloxía imita á natureza é algo que está máis ou menos fóra de toda dúbida. Os froitos da biónica (pois así se chama a disciplina científica que se inspira nos seres vivos e máis no medio natural) están ó noso carón, e en moita máis medida do que podemos pensar a simple vista. Por exemplo: ó longo da historia da arquitectura foi habitual que cada certo tempo se tomasen referencias directas das estruturas vexetais (as catedrais góticas son un paradigma disto). E, sen ir máis lonxe, o símbolo por excelencia da cidade da luz, a torre Eiffel, inspírase na disposición do fémur humano. Esta teima de procurar respostas ó progreso na natureza segue estando de actualidade, agora máis ca nunca. Un exemplo diso son os chips ultrarrápidos que prepara IBM e que serán lanzados en breve, baseados na estrutura dos dentes humanos (no esmalte, máis concretamente) e nas folerpas da neve. Esta tecnoloxía, que incluirá milleiros de millóns de miúdos furados encamiñados a facelos máis rápidos ca calquera dos chips que hai hoxe en día no mercado, insírese no eido da nanotecnoloxía, que é a ciencia do pequeno, ou, mellor dito, dos átomos e das moléculas.
Segundo informa IBM, o novo desenvolvemento tira proveito directo deses baleiros deixados entre os milleiros de millóns de condutores que integran os circuítos integrados, polo que a corrente eléctrica flúe de xeito máis libre e veloz, e, ó mesmo tempo, circunscribíndose máis ó eido dos devanditos circuítos. Isto tería unha consecuencia salientable: non se perdería tanta enerxía como nos dispositivos actuais e, polo tanto, consumiríase menos.
Como dixemos, os chips de IBM inspíranse nas folerpas de neve, o que se aplica a través dun material de plástico que favorecería a disposición libre e espontánea das súas moléculas, semellante á estrutura de furados e cristais das folerpas.
A previsión é a de integrar esta nova tecnoloxía nos produtos de IBM a partir de 2009 (polo de agora, o desenvolvemento aínda non saíu dos laboratorios). Segundo apunta a multinacional informática, os novos dispositivos terían un 35% máis de rendemento e a mesma taxa de redución de consumo.
IBM anuncia o deseño de chips inspirados nas folerpas e nos dentes
Compartir Este Artigo
