A penetración da Internet é moi reducida na terceira idade, pero iso non quita que de cando en vez os nosos maiores se convertan en todo un éxito na Rede, coma foi o caso do viúvo de 79 anos que se dá en chamar geriatric1927 en YouTube, e que ten vídeos na Rede que xa se viron en máis de 1.800.000 ocasións nos que agora tamén fala dun grupo musical que apareceu no Reino Unido e que está composto por 40 anciáns que suman entre todos máis de 3.000 anos de idade e que xa colocaron a súa versión de My Generation no posto 26 da listaxe de vendas de singles británica.
Non sen esforzo o grupo The Zimmers xuntouse no estudio de Abbey Road (onde gravaran os Beatles) e gravaron unha versión de The Who que está a ter éxito non só no Top 40 británico, senón tamén na Internet, xa que o vídeo coa canción está a arrasar en YouTube, con máis de 2,4 millóns de visualizacións.
O éxito que están a acadar na Rede tamén está a ter o seu reflexo no mundo real, con moitas aparicións nos informativos das televisións de todo o planeta, e mesmo se concretará cunha pequena xira de concertos que mesmo os achegará a España no mes de outubro.
A canción coa que están a acadar tanto éxito é a seguinte:
Un grupo musical de anciáns británicos triunfa en YouTube versionando ós The Who
Compartir Este Artigo
