A mediados de xuño xa informamos de que YouTube e a CNN se aliaban para dar cobertura ó debates dos aspirantes a ser candidatos ás eleccións presidenciais norteamericanas, e este luns xa foi o primeiro destes encontros televisivos apoiados na Internet, de xeito que 8 aspirantes demócratas puideron responder a preguntas entre as que se encontraban vídeos de YouTube, revolucionando o debate cun formato sen precedentes.
Os aspirantes ás primarias do Partido Demócrata tiveron que responder a preguntas sobre o racismo, o matrimonio homosexual, o salario mínimo, o conflito armado en Iraq ou a relixión, das que 39 foron seleccionadas de entre preto de 3.000 vídeos.
Barack Obama e Hillary Clinton despexaron as dúbidas sobre as súas condicións de negro e muller respectivamente |
Así, Barack Obama tivo que responder a se era suficientemente negro, e Hillary Clinton tivo que enfrontarse á cuestión de se era muller abondo, no que parecía que eran as críticas máis habituais ós 2 candidatos favoritos destas primarias que dilucidarán quén será o aspirante nas eleccións que designarán á persoa que ocupará a presidencia dos EE.UU. en 2009.
Pero non só Clinton e Obana fixeron as súas declaracións, senón que o resto de candidatos tamén fixeron afirmacións importantes, tendo que deixar claras as súas posturas sobre temas polémicos para non quedar eclipsados por outros candidatos máis mediáticos, aínda que poucas cuestións foron respondidas por todos, aínda que a última foi a máis orixinal, pois se pedía ós participantes que mirasen ó candidato que tiñan á súa esquerda e dixesen o que máis e o que menos gustan da súa persoa, o que non lles impediu amosarse amables cos rivais evitando mencionar as súas fraquezas.
Do que non hai dúbidas é de que se tratou de todo un espectáculo orixinal e de éxito que repetirá a súa fórmula o vindeiro 17 de setembro en Florida, onde serán os candidatos nas primarias do Partido Republicano os que se enfrontarán ás preguntas de usuarios de YouTube.
