Se cadra os veciños e veciñas de Santiago xa estarán ó tanto desta nova, sobre todo se pasaron por ese curruncho onde se arrexuntan as rúas Hórreo e República Arxentina e onde xa está collendo corpo un rechamante establecemento de produtos vinculados á informática. Tanto para os que xa viron a tenda como para os que non teñen constancia dela, dicirlles que se trata dunha nova sucursal da cadea PC City (e van 2 na nosa terra, con esta de Compostela incluída), que vai abrir as súas portas este sábado 8 de setembro e que, segundo informa a propia empresa, vai contar con 20 profesionais galegos, entre os que se inclúe a xefa do establecemento, Teresa Varela.
O caso é que PC City semella que está a desembarcar en Santiago pola porta grande. E tanto, por así dicilo: a superficie da tenda é de 890 metros cadrados e dará cabida a ata 4.000 referencias. Segundo informa a propia casa, “este novo establecemento confirma o interese de PC City por acadar maior espallamento en Galicia, onde xa contaba con outro centro na Coruña dende 2005”.
Subliñar que a empresa ocupa neste intre os postos altos do ranking de puntos de distribución de produtos informáticos en Europa, e que está presente en 28 países do continente. Pertence ó grupo DSG (antes Grupo Dixons) e traballa en España dende 2000, país no que conta con 1.600 empregados e 31 sucursais. As tendas de PC City están especializadas na venda de equipos informáticos de sobremesa, portátiles, impresoras, televisores, pantallas, software, cámaras dixitais, consolas ou videoxogos.
PC City abre este sábado en Santiago unha tenda que contará con 20 profesionais galegos
Compartir Este Artigo

