Pode unha empresa que produce ferramentas innovadoras seguir operando cos mesmos modelos de xestión interna da década dos oitenta? É preciso que o traballador dunha firma calquera de produtos de mobilidade e/ou procura de información teña que facer o seu traballo ancorado nun despacho de sol a sol e agardando por datos que poden chegar ou non? Cuestións coma estas, entre outras semellantes, foron a base da xuntanza que organizou este martes 18 pola mañá a Asociación para o Progreso da Dirección (APD) en Santiago e que contou coa participación de representantes de Blusens, Bankinter, R, Unión Fenosa, Microsoft ou Haygroup.
Todos coincidiron no mesmo punto: o mundo actual corre a unha velocidade de vertixe, e a evolución da tecnoloxía e da innovación é en boa medida culpable diso. Perante esta situación, cómpre adiantarse na medida do posible a eses cambios, tanto no que respecta á actividade externa das empresas como no que se refire á “vida interior”. Este foi o eixe arredor do que xirou o relatorio de Microsoft, para quen o éxito no mercado actual depende moito das pequenas barreiras que nos afastan da información. Cantos menos clics deamos para chegar a ela, mellor.
Dito doutro xeito: as empresas na súa totalidade, dende un departamento a outro, deben quitar do medio todo o que supoña un atranco para a libre corrente de datos e, tamén, para a comunicación total, externa e interna. E cando falamos de atrancos falamos non só de tecnoloxía obsoleta senón tamén da listaxe de requisitos da xestión corporativa sacralizados polo uso: xornada laboral ligada estritamente á presenza física na oficina, traballadores imposibilitados para a toma das súas propias decisións, ríxidos esquemas de xuntanzas arredor dunha mesa que obrigan a suspender todas as actividades alleas a esa reunión, etc.
Disto e da experiencia propia da súa compañía en materia de adaptación ós novos modelos de flexibilidade laboral falou na xornada de APD no Hotel Porta do Camiño a máxima responsable de recursos humanos de Microsoft Ibérica, Esther Pérez Bravo, que recoñeceu que estes procesos de cambio son máis doados de levar a cabo para as firmas xurdidas ó abeiro da innovación, da Sociedade do Coñecemento, e que se apoian única e exclusivamente nas persoas, que son o seu activo. Doutro xeito, sería complicado que unha iniciativa empresarial ligada ás novas tecnoloxías da información puidese ter éxito sen apostar pola conectividade e a mobilidade na súa xestión interna. Asemade, non por ancorar durante máis tempo ó longo do día ó traballador no seu despacho se vai acadar máis fidelidade e identificación cos obxectivos da empresa. “En Microsoft”, sinalou, “os empregados teñen accións da compañía e poden conectarse por vídeo conferencia ós analistas da bolsa de Nova York… Isto dá unha pequena idea da relación que teñen coa firma”.
O problema, engadiu, é na meirande parte dos casos cómo xestionar o tempo, non só o laboral senón tamén o persoal (sendo unha das grandes características do novo modelo organizativo, o flexible, esa preocupación por favorecer no posible a calidade de vida dos empregados fóra do eido do traballo, comentou). A chave dunha boa xestión dese tempo pasa polo seguinte, segundo sinalou Esther Pérez:
· Empregar a fondo a tecnoloxía, porque esta permite sacar o máximo partido do tempo. “Xa non hai que enviar un documento no que se está a traballar a 300 persoas, senón que 300 persoas poden traballar nun mesmo documento de xeito simultáneo”, engadiu.
· Tirar abaixo o vello concepto de oficina como lugar físico do que é imposible saír. En realidade, comentou, pódese habilitar unha oficina en calquera parte do mundo, mesmo no fogar propio, sempre e cando o traballador entenda o modelo de relación que o une á empresa.
· Entender que non é preciso ver cada mañá a primeira hora as faces dos membros do teu equipo, xusto diante de ti, manifestou.
· Superar os medos naturais dos traballadores e da propia directiva ó cambio, á perda de produtividade e á reorganización do traballo.
Microsoft fala en Santiago da súa propia aposta polo novo modelo organizativo nas empresas: o modelo flexible
Compartir Este Artigo

