Segundo apunta estes días a Xunta, Galiza será a primeira Comunidade de toda Europa que contará con oficinas electrónicas en 32 concellos. Para a posta en marcha destes inmobles en liña, que van dirixidos a facilitar na medida do posible a relación entre os cidadáns e as administracións a través do uso das novas tecnoloxías da información (que axilizarían e acurtarían os trámites, ceibándonos tamén de ter que acudir persoalmente a unha oficina), o Goberno galego mobilizará 385.920 euros.
As bases da iniciativa sentáronse no acordo asinado entre a Consellería de Presidencia e Administracións Públicas e a Fundación Europea para a Sociedade da Información, unha entidade vinculada á Unión Europea que abre con este mesmo acordo -en palabras do conselleiro José Luís Méndez Romeu- unha longa listaxe de colaboracións en materia de tecnoloxía. Cómpre sinalar que o convenio inclúe o deseño dun software específico que terá dúas finalidades principais: por unha banda, facilitar os devanditos trámites e de xeito telemático e, pola outra, operar como axente normalizador do emprego das novas tecnoloxías na cidadanía. Ou sexa: segundo Presidencia, a súa utilidade servirá en si mesma de explicación dos usos e vantaxes das ferramentas da Sociedade do Coñecemento.
Tanto este software como os propios trámites que se poidan realizar con el e sobre el como o emprego das oficinas por parte dos cidadáns serán de carácter público e de balde, informa o Goberno galego, para quen é importante subliñar que o servizo “permitirá á Xunta universalizar e poñer á disposición de todos os galegos o conxunto dos servizos electrónicos de acceso á Sociedade de Información”.
E prosegue, facendo fincapé nas súas aplicacións prácticas: “Poderá ofrecer a todos os cidadáns adultos un enderezo persoal de correo electrónico, ademais de acceso aos servizos en liña da Administración europea, central, autonómica e local, incluíndo a utilización do novo DNI electrónico”. A previsión é de que as oficinas electrónicas estean operativas a finais deste ano. Estarán situadas en “recintos pechados” e tanto a súa situación como o horario de funcionamento serán fixados pola Xunta.
Galiza contará a finais de ano con 32 oficinas de e-Administración
Compartir Este Artigo

